Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu celebra o 23 de decembro a III carreira solidaria de nadal

A concellaría de deportes de Bueu organizará o vindeiro 23 de decembro a III Carreira Solidaria de Nadal, que este ano recadará fondos para a Asociación Bicos de Papel. Precisamente hoxe celebrouse a rolda de prensa na que estiveron presentes Manolo Otero, concelleiro de deportes, Gonzalo Gómez, técnico de deportes, e Natalia Dieste, presidenta da Asociación, Mila Martínez, secretaria, e Carmen Miranda, tesoureira.

O evento, de carácter popular, terá unha distancia de dous quilómetros, e sairá ás 16.00 horas da Praza Massó ata Pescadoira, volta ao peirao de Bueu e regreso ao punto de saída. A inscrición deberá realizarse de dúas formas: ou ben previamente, entregando a solicitude (dispoñible na páxina web ou no Servizo de Deportes) xunto ao xustificante do pago de 5,00 €, e o propio día da carreira, unha vez queden contabilizados os dorsais. Aínda que o fin da carreira non é competitivo, si que haberá trofeos para os tres primeiros clasificados, ademais dun chocolate con roscón ao remate da mesma, e sorteos de agasallos doados polos comercios da vila.
Segundo destacou o concelleiro de deportes, “a carreira ten unha dupla funcionalidade: animar á práctica do deporte en familia, ao tempo que se conciencia sobre a investigación que é tan necesaria para os nenos e nenas enfermos de cancro”. De feito, a Asociación Bicos de Papel, creada en xuño deste ano, ten como obxectivo lograr a mellora nas condicións de vida destes nenos e nenas que está hospitalizados no Álvaro Cunqueiro. Actualmente contan con máis de cen socios e socias, e traballan en diversos proxectos, como son os de “O noso lar”, que ten que ver coa humanización do hospital, ou “Agarimo”, referente ao acompañamento das familias, entre outros.
Ademais da carreira, a Asociación colocará un posto de venda solidario con produtos para recadar fondos.

Nas ligazóns inferiores podedes descargar as normas da carreira, así como o formulario de inscrición.