Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu celebra esta fin de semana a Festa das Alfombras Florais

  • As rúas da vila lucirán con moita cor nas tradicionais alfombras florais e haberá actos relixiosos, música, e exposición de fotos antigas
  • Establecerase un plan de mobilidade que implicará restricións no aparcadoiro e na circulación por diversas rúas do percorrido dos tapices

A vila de Bueu celebrará esta fin de semana, 21 e 22 de xuño, a Festa das Alfombras Florais do Corpus de Bueu, organizada polo Concello de Bueu coa colaboración de varias asociacións e na que os tradicionais tapices florais lucirán polas principais rúas do casco urbano.

A programación da festa, declarada como de Interese Turístico Galego, desenvolverase maioritariamente o domingo, 22 de xuño, aínda que a elaboración de alfombras comezará a partir da tardiña anterior, concretamente ás 18 horas. Ademais, ese día a dende as 9.00 horas da mañá realizarase unha alfombra infantil na rúa Eduardo Vincenti.

Xa o domingo, a charanga Noroeste amenizara ás rúas da vila, e ás 12 horas, terá lugar na Igrexa de San Martiño de Bueu a misa cantada pola Coral Polifónica de Bueu con posterior procesión ao redor dela. Ás 18 horas, na capela de San Xosé desenvolverase a adoración eucarística seguida de procesión coa Banda de Música Artística de Bueu e que decorrerá polas rúas Pazos Fontenla, Francisco Escáneo, Montero Ríos, Eduardo Vincenti e volta á capela.

Pola noite, a partir das 21 horas, no aparcadoiro de As Lagoas será a verbena coa orquestra La Oca Band.

Durante a fin de semana, o Concello tamén organizará nos xardíns da Igrexa e na Sala Amalia Domínguez Búa dúas exposicións de fotos antigas nas que se poderá ver a evolución histórica desta festa e das persoas que participaron nela ao longo do tempo.

Plan de tráfico e corte de rúas

O percorrido marcado para a festividade abrangue as rúas de Pazos Fontenla, Eduardo Vincenti, Montero Ríos, Francisco Escáneo, e a Igrexa de San Martiño de Bueu. Con este motivo, e como é habitual, establécese un plan de mobilidade e tráfico, que implica o corte de varias rúas. Así, o aparcadoiro de As Lagoas estará prohibido o estacionamento dende o sábado ás 15.00 horas ata o remate da verbena. En canto ás rúas, en Pazos Fontenla, dende Francisco Escáneo ata Castelao, está prohibido o aparcadoiro de máis de 15 min dende o sábado ás 6.00 horas da mañá, e a circulación dende ese día ás 18.00 horas ata o domingo ao remate dos festexos. Pola súa banda, en Montero Ríos, no tramo entre Francisco Escáneo e Castelao, prohibirase o estacionamento dende o sábado ás 14.00 horas e a circulación dende as 18.00 horas ata o domingo ao remate dos festexos.

A tradición das alfombras florais en Bueu

A festa das alfombras conta con máis dun cento de anos de antigüidade, aínda que o auxe desta tradición podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950. Un dos costumes que máis lembra a veciñanza da vila son as recoñecidas carrozas que desfilaban na procesión e que se preparaban na antiga carpintaría da fábrica Massó, que deixou de realizarse a comezos dos 70 co peche da conserveira.

Hai que salientar que a Festa das Alfombras de Bueu foi declarada como de Interese Local no ano 2002 e desde o 2017, é Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo.