Esta fin de semana celébrase o VIII Cross Cabo Udra co ‘récord’ de 935 participantes
- O sábado pola tarde desenvolveranse as carreiras absoluta e popular, e o domingo será a quenda da andaina e das categorías inferiores
- Este evento combina a natureza co deporte e a parte solidaria nunha contorna espectacular como é Cabo Udra
A Asociación por Beluso (Asbel), coa colaboración do Concello de Bueu e doutras entidades públicas e privadas, organiza esta fin de semana, 21 e 22 de xuño, o VIII Cross Cabo Udra, un evento deportivo e familiar no que se agarda a participación de 935 persoas, o que supón récord ata o de agora. Con este motivo, hoxe celebrouse a rolda de prensa no restaurante A Centoleira de Beluso, na que participaron Marcos Torres, da organización de Asbel, Xosé Leal, concelleiro de facenda, subvencións e contratación pública, Xisela Aranda, directora do servizo de deportes da Deputación de Pontevedra, Daniel Benavides, xefe do servizo de deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia, e Darío Villanueva e José Martínez ‘Cachiso’, do grupo de voluntariado.
Marcos Torres, da organización, salientou que “nesta edición, que é a que tivemos que suspender o pasado ano por mor da alerta amarela, temos un crecemento exponencial e todo é grazas a que o Cross ten lugar nun espazo inmellorable”. Así, as carreiras absoluta e popular, de 4 e 10 quilómetros respectivamente, organizaranse o sábado pola tarde – noite. Pola súa banda, deixaranse para o domingo a andaina de 14 quilómetros, e as categorías inferiores pitufos, minibenxamín, benxamín, alevín e infantil, que percorrerán diversas distancias.
Segundo os datos de participación da organización, hai 125 persoas na carreira popular, 350 na absoluta, 225 na andaina, e 235 nas escolares.
Amais das probas deportivas, tal e como vén sendo habitual, o evento contará cunha parte solidaria, de aí que estea prevista a colocación de varios postos de asociacións da contorna, como a Fundación Diabetes Cero, Adicam, Agaela, Asociación Protectora do Morrazo ou Avempo.
Xosé Leal, concelleiro de facenda, comentou que “é unha proba deportiva espectacular e na que é moi importante a convivencia entre as persoas participantes, ademais do traballo comunal e voluntario ao longo de todo o ano, no que se pon en valor a parroquia de Beluso”.
Pola súa banda, Daniel Benavides, Xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, destacou “os grandes parámetros cos que se concibe esta proba organizada por un grupo de persoas entusiastas que levan o nome de Bueu polo mundo”. E dende a Deputación de Pontevedra, Xisela Aranda, directora do servizo de deportes, incidiu en que “detrás do Cross non hai só un proxecto, senón que se nota moito cariño, e esa unión entre a natureza e o deporte que supón un gran xute de enerxía vital”.
A organización entregará os trofeos habituais nas diversas categorías. A eles engadiranse varios recoñecementos, como o Trofeo Bravo, que se lle dará a unha persoa de Beluso que colabore co Cross, o equipo con máis participantes, o participante de máis lonxe, o participante máis veterán/a e o primeiro inscrito/a.
O Cross Cabo Udra ten a súa xénero no Cross de Beluso, unha proba considerada coma un dos referentes provinciais a nivel escolar e popular durante os anos 80 e 90, e que tivo que deixar de celebrarse no 2003. Agora celebra a oitava edición con novidades e medrando ano tras ano.
Toda a información pode atoparse na web: https://crosscaboudra.com/