Bueu amplía a rede de saneamento entre A Pena e Paradela
A brigada de obras e servizos do Concello de Bueu e o persoal de FCC Aqualia están levando a cabo estes días a ampliación dun tramo de saneamento na parroquia de Cela, concretamente na zona entre A Pena e Paradela, que segue ao que xa se fixera hai semanas no lugar do Burgo. Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta que “estas obras permitirán estender as redes para que todas as casas queden conectadas”.
Así mesmo, nas últimas semanas rematouse a instalación do bombeo no coñecido como Camiño de Sobalo, na parroquia de Beluso, tras a que FCC Aqualia procederá a realizar a conexión das vivendas para que o Concello culmine coa reposición do firme.
O rexedor bueués visitou este mércores as obras na Pena e salientou que estes traballos forman parte da mellora da accesibilidade e dos servizos básicos para o rural, e destaca que “nos últimos anos se avanzou moito na ampliación de redes de abastecemento e saneamento, na substitución de luminarias LED, na pavimentación de viais ou o acondicionamento de fontes e lavadoiros”.