Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Comeza o prazo para o procedemento simplificado de valoración catastral en Bueu

  • As persoas interesadas na valoración disporán dun prazo de 10 días hábiles para solicitala na Xerencia Territorial do Catastro en Pontevedra

A Xerencia Territorial do Catastro vén de publicar o acordo de inicio de Procedemento Simplificado de Valoración Catastral en Bueu, que recolle os chans que adquiren a consideración de chan de natureza urbana, con motivo da existencia de planeamento posterior e que se atopaban excluídos na delimitación de chan de natureza urbana da ponencia de valores vixente.

Tal e como consta no anuncio, os traballos foron realizados pola Xerencia a partir da información urbanística existente e vixente no municipio en relación aos chans que se atopan afectados. Así, as persoas que queiran solicitar a información as afeccións, disporán dun prazo de dez días e, unha vez transcorrido, procederase á correspondente notificación individualizada dos valores catastrais resultantes.

A apertura do trámite de audiencia comezou este mércores, 17 de marzo, a partir da cal os cidadáns e cidadás poderán solicitar información ou presentar as alegacións que consideren oportunas. Estas deberán realizarse na Xerencia do Catastro, concretamente na rúa Andrés Muruáis, 4 de Pontevedra, previa obtención de cita previa a través da Sede Electrónica do Catastro ou das liñas telefónicas 91 387 45 50 e 902 37 36 35.

O PSSU ten efectos tributarios do 1 de xaneiro de 2018, por tratarse do exercizo seguinte ao da aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal o 5 de xuño de 2017.