Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu acollerá o II Festival Artístico Solidario Art for Change

  • O evento, promovido polo IES Johán Carballeira coa colaboración do Concello de Bueu, celebrarase o 29 de abril e ensamblará a ciencia coa arte na rúa
  • O alumnado de 4º de ESO e profesorado do centro mantiveron esta semana unha reunión co concelleiro de ensino e cultura

O concelleiro de ensino e cultura, Xosé Leal, mantivo esta semana unha reunión co alumnado de 1º de bacharelato e o profesorado do IES Johan Carballeira, para coñecer os detalles e as primeiras propostas do que será o II Festival solidario e artístico Art For Change, que promove este centro por segundo ano consecutivo. Este encontro de arte e cultura celebrarase o sábado 29 de abril na céntrica Praza Massó, e a dinámica será semellante á primeira edición, na que a través dos diversos postos de venda con produtos elaborados polo alumnado se acadou unha recadación de 2.362,58 €, que se destinaron ás asociacións BDRI e Paiasos sen fronteiras.

Segundo avanzaron xa nesta primeira reunión, a idea é que o que se recade na feira do 29 de abril se destine á asociación galega 13 GRADOS, que se dedica á divulgación e á conservación do medio mariño, e á ONG Save the Children, que aborda as necesidades dos nenos e nenas, ofrecéndolles un comezo saudable na vida, a oportunidade de aprender e protección fronte ao dano.

Art For Change ten como finalidade apoiar entidades culturais e artísticas que queiran desenvolver proxectos que impliquen a participación de colectivos en situación de vulnerabilidade ou persoas dunha mesma contorna, co obxectivo de favorecer os procesos de transformación social a través do arte e da cultura.

Dende o IES Johán Carballeira volverá convidarse aos centros do municipio e posiblemente a outros próximos para que poidan unirse á iniciativa. As opcións para poder facelo son variadas, e van dende actuacións musicais, representacións teatrais, postos de arte ou de ciencia, obradoiros de danza, de música, de gastronomía mariñeira.

O proxecto contou cunha gran acollida o pasado ano, tanto por parte do alumnado e dos centros educativos, como do público asistente, un éxito que agardan repetir desta volta.

Instagram de Art For Change Bueu

Vídeo resumo do I Festival Artístico Solidario Art For Change de Bueu