Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu acollerá o 4 de maio a II Feira da Ciencia e da Literatura

  • O evento, impulsado polo IES Johán Carballeira, terá lugar na Praza Massó e buscará visibilizar o papel das mulleres na ciencia e na literatura

  • O horario dos postos será de 11 a 14 e de 17 a 20 h, con obradoiros e diversas actividades

Tras o éxito do pasado ano, o Concello de Bueu volverá apoiar a II Feira da Ciencia e da Literatura, un proxecto educativo e social que nace desde o IES Johán Carballeira co fin de visibilizar o papel das mulleres na ciencia e na literatura, e que se celebrará o vindeiro 4 de maio na carpa sita na céntrica Praza Massó, con horario entre as 11.00 e as 14.00 h e das 17.00 ás 20.00 horas.

A principal novidade é que este ano participan todos os centros educativos da vila, que realizarán distintas actividades para este evento no que se agarda superar as cifras de visitantes da pasada edición. Así o salientaron na rolda de prensa deste martes, na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Asun Soñora, directora do IES Johán Carballeira, Carmen Miñambres, coordinadora da biblioteca deste centro e da feira, Adoración de la Fuente, inspectora de educación, ademais de representantes dos centros educativos da vila bueuesa, do CFR Pontevedra e outras persoas colaboradoras.

O alcalde destacou a importancia de que “se una toda a comunidade educativa da vila para crear esta gran festa da ciencia e da literatura”. Nesa idea tamén abondou a inspectora, quen animou ao centro a seguir apostando por estes proxectos. E, por último, a directora do centro impulsor salientou que “esta feira une a todo o alumnado, tanto os que teñen dificultades como os que non, e aí radica o máis satisfactorio”.

A dinámica da feira será semellante ao pasado ano, coa presenza de diversos postos nos que se analizarán os libros propostos, os cales están sendo traballados ao longo do curso polos alumnos e alumnas. Así, entre os títulos desta edición están La señorita Bubble e Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, ambos de Ledicia Costas, La clave secreta del universo, de Lucy E. Stephen Hawking, Marie Curie: la actividad del radio, de Jordi Bayarri, Cando Verne amarrou en Vigo, de Francisco Climent, La vuelta al mundo de un forro polar rojo, de Wolfgang Korn, El universo en tus manos, de Sonia Fernández Vidal, De la tierra a la luna, de Jules Verne e La cuchara menguante, de Seam Kean. Estes libros serán protagonistas de nove postos, nos cales se proporán diversas actividades que o público terá que ir resolvendo. En oito dos postos, o premio que se obterá será un cubo deseñado polo alumnado de tecnoloxía de 2º de bacharelato e impreso con impresora 3D; xuntando todos os cubos, poderá formarse a frase “II Feira de Ciencia e Literatura”. No outro stand, o agasallo levará o logo da feira, que este ano foi deseñado por Blanca Otero Fernández, alumna de 1º de bacharelato do IES Johán Carballeira.

A programación incluirá obradoiros, proxeccións, observacións do sol e mesmo un Kamishibai, ademais dunha pequena biblioteca sobre a feira que se poderá consultar na carpa pequena. Así, ás 11 horas terá lugar un obradoiro de estrelas e mini-planetario na Sala Domínguez Búa, ás 12 será a presentación oficial da feira coa presenza das autoridades, ás 12.30 poderase ver o kamishabai e a proxección da entrevista que o alumnado do CEIP A Pedra lle realizou á científica bueuesa Isabel Pastoriza Santos (actividade que tamén estará dispoñible ás seis da tarde), ás 13 h programarase unha observación solar a cargo da Asociación Astronómica Sirio (sempre que o tempo o permita). Tamén se proxectarán entrevistas a ex-alumnas de ciencias na Sala Domínguez Búa (ás 13.15 e 19 horas), e o Museo Massó organiza dous obradoiros: un sobre Xulio Verne ás 17 horas e outro de orientación no mar ás 18 h, para os que é preciso inscrición premia no teléfono 886 151 101.

Esta iniciativa xestouse o ano pasado coa idea de relacionar a ciencia coa literatura, dúas disciplinas a miúdo moi afastadas pero que teñen moito en común. Ademais, tamén se busca divulgar o traballo que se fai desde os centros educativos e achegalo ao conxunto da sociedade. Por iso, desde o centro agradeceron a colaboración de toda a comunidade educativa.