Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu acolle o XV Campionato Galego de Seleccións Provinciais de Balonmán

  • Os partidos celebraranse nos pavillóns municipais de Bueu e Beluso o sábado 16 de xuño

O municipio de Bueu recibirá este sábado, 16 de xuño, a máis dun millar de persoas, entre acompañantes e deportistas que participarán no XV Campionato Galego de Seleccións Provinciais de Balonmán, que se disputará nos pavillóns municipais de Bueu e Beluso. Así o destacaron na rolda de prensa celebrada hoxe, Javier Álvarez, vicepresidente da Federación Galega de Balonmán, e Félix Juncal, alcalde de Bueu, impulsores do proxecto ‘Bueu, cidade do balonmán”.

En total agárdase a participación de doce equipos (catro por cada categoría). Concretamente, entre as 10 e as 16 horas, o Pavillón Municipal de Beluso acollerá os partidos da categoría infantil feminina, e os de alevín mixta e infantil masculina terán lugar entre as 10 e as 20 horas no Pavillón Municipal de Bueu.

Javier Álvarez destacou que “sempre é unha satisfacción organizar eventos nesta vila, porque é sinónimo de éxito, e máis cando estamos no berce do balonmán”. Pola súa banda, o alcalde apuntou que “con esta iniciativa pretendemos darlle continuidade ao traballo de base que realiza o Bueu Atlético Balonmán durante todo o ano”.

“Bueu, cidade do balonmán” é un proxecto que se iniciou na fin de semana do 2 e 3 de xuño coa celebración da Fase Final da Copa de División de Honor Xuvenil Masculina e Infantil Masculina, e continuou o 9 e 10 coa Copa Final de Cadete Masculino.T

Tras esta fin de semana, o broche de ouro será o 24 e 25 de xullo na praia da Banda do Río coas finais do Campionato Galego de Balonmán Praia, de entre as que sairán as persoas clasificadas para o campionato estatal. Precisamente, a vila morracense é todo un referente no balonmán praia, xa que nos dous anos anteriores acolleu un dos campionatos estatais do Arena 1000. Con todo, e tal e como destacou o alcalde, “este ano o Concello tivo que renunciar a este proxecto dado que o orzamento se incrementaba e quedaba lonxe da nosa capacidade, aínda que decidimos pensar esta outra alternativa que impulsa e recoñece o balonmán de base”. Dadas as expectativas que existen no sector porque Bueu volva acoller este campionato, tanto o Concello como a Federación Galega deixan claro que se están buscando alternativas para poder afrontalo de novo en vindeiros anos.