Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu acolle o I Encontro do Libro da Península do Morrazo

  • O evento terá lugar o sábado 28 de agosto no Estaleiro de Purro, e contará con exposición de libros e outros eventos culturais
  • O obxectivo é “amosar á cidadanía unha selección dos exemplares de libros producidos no Morrazo ou que versan sobre esta comarca”

O Estaleiro de Purro, situado na Banda do Río, será o escenario elixido para acoller o I Encontro do libro da Península do Morrazo organizado polo Concello de Bueu e que se celebrará o próximo sábado, 28 de agosto, en horario de 11.30 a 14.15 e de 19.30 a 21.30 horas.

Segundo apunta Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas, este evento nace co obxectivo de amosar á cidadanía unha selección de máis de 300 exemplares de libros producidos no Morrazo ou que versan sobre esta comarca, que se poderán consultar e mercar nos postos do encontro, no que participan os concellos de Bueu e os de Cangas, Moaña, Marín e Vilaboa, amais das librarías locais Abrente, Miranda e Gáidil.

Así, ademais de amosar as publicacións editadas ou co editadas polos concellos da comarca que testemuñan un longo percorrido de apoio á cultura e tradición propias, tamén se busca apoiar ao noso tecido local de librarías, pois “daremos a opción de que os libros se merquen nas tres librarías participantes, mentres que os concellos só visualizaremos o que existe nos nosos fondos”, remarca o edil nacionalista. Esta proposta tamén encherá a xornada de eventos culturais complementarios, como presentacións de libros, conferencias e actuacións musicais. As persoas que se acheguen deberán levar máscara obrigatoriamente en todas as actividades, para as que se contará con cadeiras e aforo limitado.

José Manuel Dopazo, filólogo e lingüista bueués, iniciará o encontro ás 12.00 h cunha charla na que falará do labor editorial do Club Golfiños, e concretamente do fanzine ‘Aña’, editado con periodicidade anual e que ten como obxectivo testemuñar o labor intenso das mulleres de Bueu. Vinculado coa homenaxe ‘Bueuesa Senlleira’ que o club vén organizando cada ano con motivo do Día Internacional das Mulleres, entre as seccións habituais deste fanzine atopamos biografía das homenaxeadas, recomendacións lectoras, contribucións divulgativas, achegas literarias e pasatempos.

Ás 12.30 h, será a quenda da escritora Eva Mejuto, quen presentará o libro Matilde, co que resultou gañadora do XI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares que promove o Concello de Bueu. O libro enxalza, a través da súa protagonista, a vida e obra de Matilde Bares, quen fora mestra de Bueu, ao tempo que describe unha viaxe pola vila e a súa realidade nos anos trinta.

O investigador Manuel Uxío García abordará as relacións de Moaña co lugar de Ermelo a partir das 13.00 h, e culminará a mañá coa actuación literario – musical de Cintaadhesiva, un proxecto que sobre o fío condutor da música de Jesús Andrés Tejada e os textos de Silvia Penas vai dotando de significado as melodías, os ritmos, a cadencia e as imaxes.

Xa pola tarde, ás 20.00 h, Xosé Novas, considerado o primeiro alcalde da democracia na vila bueuesa, fará un percorrido polas distintas corporacións municipais na etapa republicana no Concello de Bueu, concretamente dende o ano 1931 ata o 1936. Culminará o encontro ás 20.30 h Belarmino Barreiro, arquiveiro municipal, quen falará sobre os arquivos de Bueu e a extensa produción cultural e editorial.

Nesta primeira edición, a sede do encontro residirá en Bueu, mais o evento nace co obxectivo de estenderse cara aos vindeiros anos e coa peculiaridade de ser unha feira itinerante para que a riqueza cultural de cada pobo sexa capaz de achegarse a un lugar diferente da nosa comarca. O que se pretende, en definitiva, é ofrecer un escaparate para o coñecemento dos libros e publicacións dos concellos da comarca por parte da cidadanía.