Bueu acolle este domingo a VI Regata de Traiñeiras Pepe O Ruso
- A proba tomará saída do peirao bueués ás 11.30 h e nela participarán trinta traiñeiras entre masculino, feminino e veterán
Tras o éxito das primeiras edicións, o Club do Mar de Bueu, coa colaboración do Concello de Bueu, organiza este domingo, 16 de xaneiro, o VI Memorial Pepe o Ruso, unha regata a contrarreloxo na que participarán un total de trinta traiñeiras, cifra que demostra a boa saúde do remo na vila a través dunha proba que se afianza no calendario anual de pre tempada. Así o apuntou Javier Pazos, membro da directiva do club, na rolda de prensa que se celebrou este mediodía, e na que tamén estivo presente o concelleiro de deportes, Ricardo Verde.
A saída desta regata terá lugar ás 11.30 horas desde o peirao, continuando logo ata Agrelo, Banda do Río, A Roiba, Cabalo e regreso ao porto, nun percorrido de 5.500 metros moi vistoso tanto para os e as participantes como para as persoas que queiran ver as traiñeiras desde a terra.
Aínda que non se trata dunha proba de carácter competitivo, entregarase unha bandeira ao gañador da proba na categoría sénior masculina, así como tamén á tripulación feminina que realice o percorrido en menos tempo.
O evento xurdiu no ano 2016 como unha homenaxe a José Novas Gutiérrez, máis coñecido como “Sr Pepe” ou “Pepe O Ruso”, unha persoa que traballou durante moitos anos e dunha forma totalmente desinteresada polo fomento do deporte do remo na vila bueuesa.
Clubes participantes
Nesta regata está confirmada a participación das seguintes tripulacións: Cabo de Cruz A, Ares A, Tiran, Meira A, Bueu A, Mecos, Rianxo, Cesantes A, Narón , Vila de Cangas, Amegrove, Castropol A, Chapela A, Cabo de Cruz B, Ares B, Meira B, Bueu B, Cesantes B, Chapela B, Castropol B, Cabo C, Meira C, Cabo de Cruz Fem, Chapela Fem, Tiran Fem, Rianxo Fem, Tiran Vet, Mecos Mix, Coruxo-Chapela, Perillo Mix.