Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bases para proceso selectivo auxiliares administrativos/as

O Concello de Bueu acaba de abrir o prazo para participar no proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de funcionarios/as interinos para o acceso á categoría de auxiliares administrativos. O prazo será de 10 días hábiles a contar dende a publicación no Boletín Oficial da Provincia, que se fixo este luns 16 de abril. As persoas que desexen participar deberán achegar cuberto o modelo de solicitude incluído nas bases, así como unha fotocopia do DNI e do certificado do CELGA 3 ou equivalente.

O proceso selectivo, por oposición libre, constará de dúas probas, a primeira de tipo teórico – práctico sobre as cuestións contidas no anexo I das bases, como a Constitución Española ou o Estatuto de Autonomía de Galicia, principios de actuación do sector público, o goberno municipal, o réxime xurídico, o emprego público local, as formas de acción administrativa… entre outras. A segunda proba, que se fará unha vez superada a anterior, terá que ver co coñecemento da lingua galega e constará dun exercicio de tradución do galego ao castelán e viceversa.

Así, os e as aspirantes que superen todas as probas formarán parte dunha bolsa de emprego, ordenada en función da puntuación obtida, que terá vixencia ata que se convoque unhas prazas de idénticas condicións nunha nova bolsa de emprego ou se inclúa algunha das prazas nunha vindeira oferta de emprego público.

As bases completas poden verse no taboleiro de anuncios da páxina web do Concello.