Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

As Festas de San Martiño contarán con material das campañas de igualdade da Deputación de Pontevedra

  • A institución provincial achegará adhesivos cos lemas “Conta comigo. Eu respéctote”, “Lembra, eu decido, ti respecta» e guías para mozos e mozas

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, está a colaborar coas concellerías de Cultura e Igualdade do Concello de Bueu e coa organización das festas de San Martiño, poñendo á súa disposición o material das campañas de “Conta comigo. Eu respéctote” e “Lembra, eu decido, ti respectas», que están dirixidas tanto a mozos como a mozas. Con elas preténdese concienciar á poboación máis nova da importancia das relacións en igualdade e repártese material explicativo no que se mostran con claridade os límites ante posibles agresións facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima. A campaña “Conta Comigo eu Respéctote” foi a gran novidade deste ano e está especialmente dirixida aos mozos para que amosen o seu rexeitamento ante este tipo de condutas, non sexan cómplices e se sitúen claramente fronte aos agresores.

O material da Deputación difundirase en Bueu na carpa das festas do San Martiño durante o XV aniversario do grupo Dakidarría, nun concerto incluído dentro do programa Musigal da Deputación. A institución provincial achegará ao evento, que se celebrará nos Xardíns Urbano Lugrís-As Lagoas de Bueu este sábado 10 de novembro, adhesivos cos lemas das campañas e guías para mozos e mozas.

As campañas e igualdade dos #RíasBaixasFests e o seu material divulgativo pode ser utilizado por todos os concellos que así o soliciten á Deputación e xa chegou a festivais e festas patronais de Poio, Cangas, Pontecaldelas, Lalín, Vilaboa, O Grove e Cuntis dende o pasado verán. De feito, os puntos de información nos festivais atenderon a máis de 8.000 persoas.