Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

As cantigas de amor e de escarnio e maldicir serán protagonistas dun obradoiro con Míriam Ferradáns

A poesía e os produtos locais serán protagonistas do obradoiro de poesía que impartirá a poeta Míriam Ferradáns no lugar de Sanamedio, en Bon, e que hoxe se presentou nesta contorna tan emblemática, nun acto no que estiveron presentes a poeta de Bon e o concelleiro de cultura, Xosé Leal.

Segundo salientou o concelleiro, o obxectivo desta actividade, que se celebrará os días 12 e 26 de maio de 11 a 13 horas, é “poñer en valor a creación literaria das mulleres en Bueu”. Así, nesta primeira edición, o protagonismo recaerá en Míriam Ferradáns e nas cantigas de amor, escarnio e maldicir, que tiveron moita importancia na figura de Xohán de Cangas. Así mesmo, Leal salientou que é un acto que reivindica o Pergamiño Vindel, e polo que “queremos render homenaxe a un dos lugares de referencia destas cantigas”.

Pola súa banda, a poeta apuntou que se trata duns obradoiros que terán unha primeira parte de aproximación teórica e outra de práctica a través da creación, a través dunha metodoloxía de aprendizaxe “moi lúdica e divulgativa, para achegarse ao que podían sentir os trobadores”. Sen dúbida, será unha boa forma de aprender, ao tempo que se visibiliza o impacto dos produtos locais como fonte de cultura popular.

As persoas que desexen participar, recoméndase que teñan máis de 16 anos, e deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico comunicacion@concellodebueu.gal ou no teléfono 986324338.