Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno de Bueu aprobou unha moción para a posta en marcha dun concurso de ideas de humanización da Banda do Río

  • Tamén se deu luz verde a outras dúas mocións sanitarias, de petición dunha sala de raios X e da construción dun CAR na comarca do Morrazo
  • Así mesmo, saíu adiante unha proposta do PP referente á solicitude dun teléfono gratuíto de atención aos avisos da vespa velutina por parte da Xunta de Galicia

O pleno da Corporación Municipal de Bueu aprobou este luns unha moción conxunta para poñer en marcha un concurso de ideas de cara á humanización do barrio da Banda do Río. Esta proposta recolle as peticións realizadas pola Asociación Veciñal da Banda do Río, desde a que defenden a singularidade deste barrio mariñeiro de Bueu que conta con moitas potencialidades turísticas, pero sen un plan integrado de actuacións. Por iso, e tras o pertinente debate, o alcalde da vila, Félix Juncal, salientou que “se trata dun acordo político para iniciar un camiño» e que “as propostas deberán contar co máximo consenso posible”.

Esta iniciativa foi fóra da orde do día pola vía da urxencia, ao igual que as mocións sanitarias, que tamén se aprobaron por unanimidade dos catro grupos municipais. A primeira delas consiste en instar á Xunta de Galicia a inclusión dunha sala de raios X no Centro de Saúde da vila, unha demanda realizada por Juan Carlos Pérez Santiago, un veciño que presentou máis de oitocentas sinaturas de apoio. A outra camiña máis alá e demanda a construción dun Centro de Alta Resolución (CAR) no Morrazo, co que se “melloraría o reparto de recursos, axilizando circuítos asistenciais e reducindo a presión no hospital de referencia”. Esta proposta, máis ambiciosa, complementa a anterior e vén a sumarse ás aprobadas nos concellos da comarca.

Por último, e como iniciativa do PP, acordouse instar á Xunta de Galicia a que habilite un teléfono gratuíto para a atención de avisos pola vespa velutina.