Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

As alfombras de Bueu lucirán no IV Encontro Internacional de Alfombristas de Uriangato

  • Unha delegación da vila bueuesa viaxa á localidade mexicana para participar por segunda vez neste evento que se celebrará do 4 ao 6 de outubro

Un grupo de tres alfombristas de Bueu participarán no “IV Encontro Internacional de Alfombristas de Uriangato”, que se celebrará do 4 ao 6 de outubro da man da Asociación La Octava Noche de Uriangato, de Guanajuato (México). Dado o interese deste evento mundial, este martes tivo lugar unha rolda de prensa no salón de plenos do Concello de Bueu, na que estiveron presentes Xosé Leal, concelleiro de cultura, e Carmen Santos, presidenta da Asociación de Alfombras da vila.

A alfombra a realizar na localidade mexicana estará elaborada por todas as delegacións españolas, entre as que se atopan Bueu, Burela e Carrión de los Condes. O tapiz floral, cunha dimensión de cinco metros, baséase nunha “visión cósmica coa que queremos transmitir valores internacionais como a reivindicación pola igualdade, a convivencia pacífica, e as referencias á unión presente no Camiño de Santiago”, segundo destacou Carmen Santos, presidenta do colectivo. A alfombra conta cun deseño totalmente galego e realizarase con flores e algúns materiais relacionados co mar, que forman parte da identidade da delegación bueuesa.

Pola súa banda, Xosé Leal, concelleiro de cultura, salientou que “desde a asociación teñen a capacidade de espallar esta arte e a cultura popular polo mundo, converténdose nos mellores embaixadores de Bueu”. Leal incidiu na gran proxección exterior que supón para a vila participar en actividades nos diversos eventos que reflicten “a nosa tradición e innovación, elementos que os membros da asociación levan no seu ADN desde sempre”.

Neste encontro, no que Bueu xa participara no ano 2017, estarán representadas ademais delegacións de Xapón, Bélxica, Alemaña, Italia, India, Guatemala, Veracuz, Michoacán, Tlaxcala, ademais dos municipios mexicanos de Acámbaro, Celaya e Comonfort.