Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Arela busca en Bueu persoas e/ou familias dispostas a convivir con adolescentes que están a cumprir unha medida xudicial

  • Macu Rodríguez, concelleira de benestar social, reuniuse esta semana con Eva Piñeiro, técnica de Arela, para a presentación do programa CONVIVE.COMigo

ARELA e a Xunta de Galicia levan a cabo o Programa CONVIVE.COMigo na provincia de Pontevedra, cuxa finalidade é conseguir persoas ou familias que queiran convivir cun/cunha adolescente que teña a obriga de cumprir unha medida xudicial (Convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo). Durante este 2020 están a buscar os apoios dos diferentes concellos de cara a que poidan colaborar na difusión do mesmo e así conseguir un banco de persoas ou familias que abarquen moitos dos territorios da provincia.

Esta semana, Macu Rodríguez, concelleira de benestar social, e Eva Piñeiro, técnica da Asociación Arela, mantiveron unha reunión para explicar o desenvolvemento do programa. A edil e o equipo de benestar social amosaron a súa sensibilidade cara ao proxecto e comprometéronse a difundilo entre a veciñanza.

A través de CONVIVE.COMigo búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade cara a adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades. A través dun ambiente socializador e positivo, permitiralles ás/aos adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.

Os requisitos para formar parte deste programa son os seguintes: ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade … Á súa vez, valorase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia, formación de carácter xurídico. ARELA ofrece unha formación grupal e individual, e asesoramento, con acompañamento de profesionais e un financiamento da Xunta de Galicia.

Dende a Páxina web de ARELA (www.arela.org) pódese consultar máis información sobre este programa, así como dende teléfono da súa sede central, 986 21 25 37 ou a través do correo electrónico convive@arela.org. ARELA é unha asociación que leva traballando en Galicia dende o ano 1998 con infancia e adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, prestando diferentes servizos: Casas de Familia, Centros de Atención de Día Integral e Centros de Intervención Educativo en Medio Aberto (CIEMA) coa Consellería de Política Social.