O alcalde de Bueu visitou as obras que a Xunta de Galicia está acometendo no TCA da PO-551
- Félix Juncal supervisou este martes a actuación, xunto á conselleira de infraestruturas e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, amais de técnicos municipais e autonómicos
- A previsión é que as obras, valoradas en 1.159741,91 €, poidan estar culminadas en abril do próximo ano
- Juncal agradeceu a “receptividade e compromiso” da conselleira para recoller moitas das peticións do goberno local de cara á mellora do proxecto técnico
Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou este martes, as obras de mellora do Tramo de Concentración de Accidentes (TCA) que a Xunta de Galicia está levando a cabo na estrada PO-551, concretamente nos puntos quilométricos 7+800 a 8+800. Precisamente, a actuación inclúe a mellora deste vial, coa creación de dúas glorietas en Lapamán e Castrelo, pasos de peóns con iluminación intelixente e instalación de marquesiñas. O orzamento é de 1.159741,91 €, e polo de agora xa se acometeu a primeira parte do proxecto, correspondente ao movemento de terras. A previsión é que en abril do próximo ano poida estar culminada a actuación completa, segundo salientou Ethel Vázquez, conselleira de infraestruturas e vivenda.
A conselleira destacou que este proxecto forma parte dunha estratexia do goberno autonómico para a eliminación de todos os treitos de concentración de accidentes e a mellora da accesibilidade a través das sendas peonís. Por iso, e aproveitando este acto, Vázquez Mourelle anunciou que hoxe se abre o prazo para o expediente de licitación da senda peonil entre Trasouto e Alto da Portela, na que se investirán 640.000 euros, e para a que as empresas dispoñen ata o 19 de xaneiro para presentar as ofertas económicas. “O noso obxectivo é que a comezos do 2022 estas obras estean culminadas e a disposición de toda a veciñanza, que verá reforzada a seguridade viaria”.
Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde bueués agradeceu o “cumprimento da palabra, pois cando hai pouco máis de dous anos demandamos dende o Concello esta actuación, o equipo técnico e a conselleira traballaron para facela realidade”. Así mesmo, o rexedor salientou a sensibilidade para que se incorporasen as cuestións e peticións do Concello nas diversas fases de contratación, e que tiñan como finalidade mellorar o proxecto técnico e recoller as preocupacións e demandas veciñais. “Actuouse con moita receptividade”, culminou.
Na visita tamén estiveron presentes Luísa Piñeiro, delegada territorial da Xunta en Pontevedra, e José Luís Díez, xefe territorial de estradas, técnicos municipais e autonómicos, e representantes do Partido Popular de Bueu.