Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello mostra o seu malestar polos actos vandálicos na bóla multicolor do alumeado de Nadal

  • O goberno local apela á responsabilidade cidadá para que se coiden os espazos públicos

O goberno local de Bueu mostra o seu malestar e indignación ante os actos vandálicos que se produciron na bóla multicolor de Nadal, situada na céntrica Praza Massó. Tal e como destacan Félix Juncal, alcalde da vila, e Xosé Leal, concelleiro de cultura, o alumeado de Nadal inaugurouse hai pouco máis dunha semana e “tan só neste tempo sufriu xa dous ataques: no primeiro arrancáronse os cables laterais da bóla e agora os inferiores”. Segundo salientan dende a empresa encargada do servizo, “cando se arrincan estes cables salta o diferencial e falla a iluminación de toda a zona conectada ao mesmo cadro”.

Durante o día de hoxe a empresa arranxou o problema de acendido das luces e tamén tivo que soldar parte do lateral da estrutura, que se rompeu con motivo do mal uso que se fixo dela dende a súa instalación.

Por este motivo, dende o Concello incídese na necesidade de que a cidadanía tome conciencia e saiba que “este elemento non é para que a cativada faga escalada, e que se debe actuar con responsabilidade, tanto por parte das persoas adultas como da rapazada ao seu coidado”.

“Se queremos ter os espazos públicos decorados e con ambiente de Nadal, é imprescindible que os coidemos e que non os deterioremos con este tipo de accións vandálicas”, culminan.