Abre a biblioteca provisional do Centro Social do Mar o luns 19 de setembro
A ubicación provisional do servizo de biblioteca que se prestará no primeiro andar do Centro Social do Mar comeza a funcionar este luns 19 de setembro. Estes días están a rematarse os traballos levados a cabo desde o departamento de Arquivo, Bibliotecas e Patrimonio que dirixe o concelleiro Alberto Moital, no tocante a trasladar os 5.000 volumes que estarán dispoñibles na nova ubicación. Desta maneira co horario de inverno xa operativo desde o luns, o espazo poderá visitarse para consulta, lectura de prensa ou para o servizo de préstamo de luns a venres nas mañás de 10 a 13 horas e polas tardes de 16 a 20 horas.
O concelleiro quere destacar unha vez máis a colaboración do Club de Xubilados/as e Pensionistas Vila de Bueu e de todas as persoas maiores que convivirán neste espazo mentres duren as obras de remodelación da biblioteca municipal Torrente Ballester. As obras, que se financian con cargo ao Plan ReacPon e o Plan Concellos 2022 da Deputación Provincial de Pontevedra, contan cun orzamento de 915.565,65 €, IVE engadido, e foron adxudicadas a Obras Gallaecia SL, quen deberá culminalas antes de abril do próximo ano, tal e como rexen as bases das liñas de subvencións.
A biblioteca erixirase coma un gran centro de coñecemento con varios espazos: de aprendizaxe e descubrimento (formación, auto aprendizaxe, adquisición de competencias dixitais…), inspirador (acceso á cultura, mediateca, literatura ou divulgación científica), de reunión e encontro (conferencias, charlas e zonas de lecer), e de creación (obradoiros, formación e outros cursos). Ademais tamén albergará o arquivo municipal que se atopa nestes momentos no Centro Sociocultural de Cela.
Para calquera consulta a biblioteca mantén o mesmo teléfono de contacto que é o 986 323 140, e o correo electrónico é bibliotecacentralbueu@concellodebueu.gal