Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello ofrece 114 prazas en cursos de natación de outubro a decembro

Esta actividade gratuita contará cun total de dez grupos, catro de iniciación e seis de perfeccionamento tanto para persoas adultas como para cativada nacida entre 2010 e 2016 os luns e xoves en horario de mañá e de tarde

A Concellería de Deportes que dirixe Ricar Verde incrementará en outubro a oferta de actividades da piscina municipal de As Lagoas con cursos de natación de iniciación e perfeccionamento para persoas adultas de mañá e para a cativada nacida entre o 2010 e o 2016 pola tarde os luns e xoves. Os cursos que serán gratuitos para as persoas usuarias abren a súa inscrición este martes 20 de setembro, dirixidos por monitores do Club de Natación Galaico de Pontevedra. A iniciativa está pensada inicialmente para ter lugar entre outubro e decembro deste ano, á espera da finalización do proceso de licitación do contrato de servizos para a apertura total do centro deportivo. No caso de non estar operativo a comezos de ano o contrato, prolongarase a actividade ata completar a tramitación administrativa.

Para as persoas adultas nacidas antes do 2006 o Concello conta con dous horarios nas mañás do luns e do xoves. De 10 a 11 horas terá lugar a clase de iniciación para un grupo de 8 persoas en cada un dos días para un total de 16 nadadoras. De 11 a 12 horas será a quenda do grupo de perfeccionamento, con 15 prazas para cada un dos días da semana para facer 30 no total. Así nos catro grupos de persoas adultas poden entrar 46 alumnos e alumnas.

No horario de tarde, e tamén os luns e xoves, a actividade está pensada para as persoas menores nacidas entre os anos 2016 e 2010. No caso das que non saiban nadar e queran ir a iniciación terán un total de 16 prazas (8 por día) en horario de 17 a 18 horas; de 18 a 19 horas, e de 19 a 20 horas haberá dous grupos máis cada un dos días con 15 prazas en cada un dos seis grupos para o alumnado menor que quera facer perfeccionamente.

As ximnasias na auga continuarán coas persoas usuarias das ximnasias de mantemento.

As inscricións terán que facerse de xeito presencial na piscina sendo preciso que asista cada unha das persoas que se quera anotar no caso da xente adulta. Para o alumnado menor de idade poden achegarse os seus pais/nais/titores a realizar a inscrición para varios membros da mesma familia no caso de ser varios irmáns. O horario da instalación é de luns a venres de 9 a 12 horas pola mañá e de 17 a 21 horas polas tarde de luns a venres, mentres que os sábados está aberta de 9 a 12 horas. En caso de querer máis información o teléfono da piscina atende no horario de apertura no número 986 138 689, e no correo electrónico piscina@concellodebueu.gal

Esta actividade dirixida da piscina únese ao baño libre no vaso da piscina e ás ximnasias de mantemento e o zumba que se ofrecen tamén de balde nas diferentes salas da instalación. Nos próximos meses incorporaranse equipos de musculación para ir completando a instalación ata a finalización do proceso de licitación que está xa en trámite e que se pretende que poida ter operativa na súa totalidade a piscina nos primeiros meses do ano 2023.

Zumba volve a impartirse tamén a partir de outubro despois do éxito en anteriores edicións, así como as ximnasias para Parquinson.