Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu acomete diversas actuacións de mantemento nos colexios

  • Félix Juncal, alcalde da vila, e Xosé Leal, concelleiro de ensino, visitaron esta semana os centros educativos de infantil e primaria para ver o estado do que se levou a cabo para o inicio do curso escolar
  • Dende o goberno local continuarán instando á Xunta de Galicia para que asuma as súas competencias e leve a cabo obras de mellora integral nos centros da vila, tal e como se está facendo noutros lugares da contorna

O Concello de Bueu levou a cabo nas últimas semanas diversas actuacións de mantemento nos colexios da vila. Con motivo do inicio do curso escolar, Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de ensino, visitaron as instalacións para comprobar o avance e remate das peticións feitas pola comunidade educativa.

No CEIP Plurilingüe Montemogos de Beluso realizouse o pintado da fachada exterior de azul e branco do edificio, algo que tamén se fará nos próximos días no muro perimetral exterior que dá ao patio. Así mesmo, tamén se vai habilitar unha praza de estacionamento para persoas con mobilidade reducida xusto á entrada do colexio, e que se suma así á outra xa existente.

No CEIP Plurilingüe A Pedra Infantil mellorouse a accesibilidade na zona exterior. Mentres, no edificio de primaria de A Pedra, arranxouse un problema que había nos baños dende hai anos, e tamén se fixeron pintados de interiores e exteriores, rozas, e traballos varios de iluminación. Nas vindeiras semanas está previsto o cambio de canalóns e mellora de accesibilidade aos locais das actividades extraescolares.

Na Escola Infantil Galiña Azul retocáronse e pintáronse todas as aulas, e tamén se incorporaron murais artísticos nalgunhas.

Por último, no CEIP Plurilingüe A Torre de Cela ampliouse o valado de madeira da zona exterior do comedor e habilitouse outra varanda nas escaleiras de acceso dende o patio do centro ao comedor, ademais de formigonar a entrada do colexio, rozar a contorna e colocar percheiros e diverso material para o profesorado.

Dende o goberno destacan que “estamos en permanente conversa coa comunidade educativa, tanto co profesorado como cos representantes das asociacións de nais e pais, e iremos acometendo na medida das nosas posibilidades o que se vaia solicitando, pero tamén teremos que instar á Xunta de Galicia a que asuman as súas competencias e leven a cabo obras de mellora integral de eficiencia enerxética nos centros, tal e como solicitamos hai xa un ano nunha moción aprobada pola corporación municipal”.

Obras de pintado da fachada exterior no CEIP Plurilingüe Montemogos de Beluso
Obras de mellora da accesibilidade no CEIP Plurilingüe A Pedra infantil
Formigonado da entrada do CEIP Plurilingüe A Torre Cela
Pintado aulas na Escola Infantil Galiña Azul