Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Aberto o prazo para o XI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares

  • Os orixinais abordarán temas relacionados coa igualdade entre mulleres e homes, e terán que enviarse antes do 30 de decembro
  • O concurso iniciouse no 2005 coma unha homenaxe á mestra Matilde Bares e para reflexionar sobre a igualdade e a violencia de xénero

O Concello de Bueu abre o prazo para participar no XI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares, que se estende ata o 30 de decembro. Debido ao estado de alarma decretado pola Covid-19, o prazo tivo que paralizarse en marzo reanudándose agora. Ao certame poderán concorrer relatos en lingua galega que traten temas relacionados co fomento da igualdade entre mulleres e homes, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais ou a violencia de xénero.

Segundo establecen as bases, existen dúas vías para presentar os orixinais: ou ben no Rexistro Xeral do Concello, a través dun sobre no que se fará constar “XI Concurso de Relatos de Muller Matilde Bares”, ou por correo postal, tamén co mesmo título no sobre con inclusión do selo que certifique a data de envío. A persoa gañadora farase cun premio de 1500 € e os criterios que valorará o xurado serán: a orixinalidade no tratamento do tema, a reinterpretación dos roles sexistas e os estereotipos que afectan á imaxe da muller na literatura, cine, televisión ou medios de comunicación, os micromachismos e a igualdade laboral.

O premio rende unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións na vila morracense, ademais de organizar actividades culturais e grupos de teatro. Nos seus inicios, este concurso erixiuse como unha referencia no sector literario, e ten premiado a persoas destacables no campo da cultura e a novas voces. Precisamente, na última edición gañou a pontevedresa Eva Mejuto cun relato sobre Matilde Bares, do que o xurado destacou que “está escrito cunha gran sensibilidade e que enxalza a través da súa protagonista a vida e obra de Matilde Bares ao tempo que describe unha viaxe pola vila de Bueu e a súa realidade nos anos trinta”.