O Concello de Bueu abre o prazo de inscrición para o programa «Concilia Bueu 2026»
- O prazo de presentación das solicitudes estará aberto dende o 28 de maio ao 8 de xuño
- O programa desenvolverase no municipio, en horario de mañá, dende o 22 de xuño ao 4 de setembro en varias quendas
O Concello de Bueu prepárase para a realización da nova edición do programa ‘Concilia Bueu’. O prazo de inscrición estará aberto do 28 de maio ao 8 de xuño e poderán participar nenos e nenas de 4 a 12 anos. Dende a concellaría de benestar social informan que o programa terá un custe económico para as familias, despois de que se aprobe o prezo público previsto.
O programa desenvolvérase entre o 22 de xuño e o 4 de setembro deste ano, en diversas quendas: a 1ª quenda será do 22 ao 26 de xuño; a 2ª quenda, do 29 de xuño ao 17 de xullo; a 3ª quenda, do 20 ao 31 de xullo; a 4º quenda, do 3 ao 14 de agosto; a 5ª quenda, do 17 ao 28 de agosto; e a 6ª e última quenda, do 31 de agosto ao 4 de setembro. Para cada quenda ofertaranse 110 prazas, sumando un total de 720. Delas 60 serán gratuítas para nenos e nenas en risco de exclusión social. Para as restantes, o custe será de 30 euros en todas as quendas, agás na primeira e sexta, que será de 15 euros.
O horario do programa será de 9.30 h a 13.30 h, coa posibilidade de solicitar horario ampliado desde as 8.00 h ata ás 15.00 h, e tamén de servizo de comedor escolar, o cal terá un prezo de 5,50 € diarios e serán as familias as encargadas de contratalo nos días que o precisen.
A participación polo procedemento xeral segue unha orde de adxudicación, sendo as solicitudes prioritarias as que pertenzan a nenos e nenas, dun mínimo de 3 meses, empadroados/as en Bueu. Estas prazas serán adxudicadas segundo a situación socio-familiar e laboral familiar. No caso de non cubrir as solicitudes que compoñen este procedemento, os nenos e nenas empadroados noutros concellos poderá optar a estas prazas vacantes.
As persoas interesadas en participar deberán presentar as solicitudes e toda a documentación acreditativa de forma presencial ou en formato electrónico a través da Sede Electrónica do Concello de Bueu (https://bueu.sedelectronica.gal).A documentación que terán que facilitar en ambos casos é o anexo relativo á solicitude de participación, o xustificante de empadroamento (en caso de que non se permita a consulta), a fotocopia da tarxeta de demandante de emprego, no caso de atoparse nesta situación, e a do libro de familia ou outro tipo de documento que acredite esta información. Tamén se debe entregar o certificado ou xustificante de empresa con data de maio ou xuño, se están en situación laboral activa. Por último, a fotocopia do libro de familia numerosa e do certificado de monoparentalidade, no caso de estar nalgunha destas dúas circunstancias.