A VI Bandeira de Traineriñas Concello de Bueu celebrarase este domingo
- A proba tomará a saída no peirao da vila ás 11 h e agárdase a participación das embarcacións da Zona Territorial Sur e da Norte
O peirao de Bueu dará a saída este domingo, 2 de maio, a partir das 11 horas, á VI Bandeira de Traineriñas Concello de Bueu de Bateis, organizada polo Club do Mar de Bueu- Teccarsa e o Concello de Bueu. Esta actividade terá o formato de regata en liña, en quendas lanzadas na mesma categoría, cun minuto de intervalo, e con cinco minutos entre as distintas categorías. Así o destacaron na rolda de prensa celebrada este venres Ricardo Verde, concelleiro de deportes, Javier Pazos, e Alberto Chapela, membros da directiva do club organizador.
Nas probas tomarán a saída primeiramente as traiñeiriñas de absoluta feminina, xuvenil masculina e absoluta feminina. A organización agarda a participación de embarcacións dos clubes da Zona Territorial Sur, e dalgúns xa confirmados da zona norte, como Muros, Mera, Ares, Narón, Cabo de Cruz e Rianxo, que sairán dende o peirao da vila para dirixirse ata a praia de Agrelo.
Tal e como se establece no regulamento, as traiñeiriñas gañadoras nas tres categorías faranse cunha bandeira conmemorativa da proba, e para as tripulacións que acaden os tres primeiros postos de cada categoría repartiranse medallas conmemorativas da proba.
A regata cumprirá con todos os protocolos Covid-19, de aí que dende a organización apelen á responsabilidade da cidadanía para que se achegue a gozar desta proba tendo en conta as medidas de seguridade e hixiene.
O Club do Mar de Bueu – Teccarsa disputará esta proba tras acadar a fin de semana pasada varios éxitos deportivos no Campionato de España de Bateis, no que o equipo xuvenil se proclamou campión, e os sénior conseguiron un merecido cuarto posto.