Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno de Bueu aproba un recoñecemento extraxudicial de créditos e desestima as mocións presentadas polo PP

  • O recoñecemento ascende a un importe de 166.281,71 € e nel inclúense facturas correspondentes a servizos do pasado ano que se presentaron neste exercizo
  • O grupo popular presentou tres mocións relativas á mellora da praia da Banda do Río, á construción dun muro na Casa da Aldea de Meiro, e sobre a dinamización cultural da vila

A corporación municipal do Concello de Bueu celebrou este luns, 3 de maio, unha nova sesión plenaria telemática na que se aprobou un recoñecemento extraxudicial de créditos por importe de 166.281,71 €, que saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno, BNG e ACB, en contra do PP e a abstención do PSOE. Neste recoñecemento, o segundo deste ano, inclúense facturas que se presentaron no exercicio presente e que se corresponden con servizos do ano anterior. Segundo apuntou Julio Villanueva, vicealcalde e edil de facenda, “é o ano con menos recoñecementos, o que implica que estamos traballando ben dende o goberno”. Pola súa banda, Elena Estévez, voceira do PP, manifestou a oposición do seu grupo a que se “continúe empregando este instrumento que debería ser para imprevistos como algo habitual”.

O pleno tamén desestimou as tres mocións que presentou o grupo popular. A primeira facía referencia a unha actuación de mellora na praia da Banda do Río, a través dunha actuación na area. Neste sentido, Xosé Leal, destacou que “este goberno do BNG apostou e segue apostando pola praia da Banda do Río e existe un compromiso constante por mellorar, pero o que non podemos tolerar é que se nos esixa actuar tamén nos espazos que pertencen a Portos, sobre todo cando este ente cobra taxas abusivas ao concello por todas as actividades e, en cambio, non inviste nada na vila”. Na mesma liña interviu Julio Villanueva, quen apuntou que “eu votaría a favor se a moción instase a Portos a levar a cabo esta actuación, xa que é competencia súa”, pero “o que non pode ser é que sigamos asumindo no concello os traballos de limpeza ou os custes de iluminación de zonas portuarias, e o PP faga demagoxia contra o goberno”.

“Agora podemos falar dunha praia, cando no 2007 tan só era un vertedoiro de augas residuais, que tiña os niveis de contaminación máis elevados de Galicia e de España”, finalizou Félix Juncal, alcalde de Bueu, quen tamén fixo alusión a que “coma sempre, somos os concellos os que financiamos a Xunta de Galicia, e igual se pensa que temos unha máquina de fabricar diñeiro”. O debate culminou coa votación, que foi en contra do BNG e ACB, e a favor de PP e PSOE, polo que non foi aprobada.

A continuación tratouse a moción para a creación dunha programación cultural que dinamice a vila. Elena Estévez demandaba que se fixese un calendario coa programación cultural dende agora ata xullo, por ser unha tempada de pouco movemento, e que se podería dinamizar con pasarrúas a cargo de grupos de música da vila. Xosé Leal, voceiro do BNG e concelleiro de cultura, mostrou a súa sorpresa ante esta proposta “pois levamos trece anos contando cos grupos, asociacións e empresas locais para todos os eventos que organizamos no concello”. Así, a moción non saíu adiante, ao contar só cos votos a favor do PP.

E, por último, a corporación debateu outra moción presentada polo grupo popular, na que se instaba á mellora da Casa da Aldea de Meiro, coa construción dun novo muro na parte lindante co Recinto da Morada, así como un acceso para a parte traseira do edificio, suprimindo as barreiras arquitectónicas e facendo posible o acceso para persoas con mobilidade reducida. O alcalde apuntou que “esta proposta non é rigorosa coa realidade, pois omite os moitos traballos que levamos acometendo neste espazo nos últimos anos, así como as reunións mantidas coa veciñanza e cos colectivos da vila cos que xa pactamos que se realizará esta obra hai meses”. A moción contou cos votos a favor de PP e PSOE, a abstención de ACB e en contra do BNG, polo que se desestimou.

O pleno pode verse completo na canle de YouTube do Concello de Bueu.