Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A parroquia bueuesa de Beluso celebrará o próximo domingo o 2º Trail do Nocedo, que une deporte e patrimonio

  • O Parque Joe Novas será o punto de saída e chegada do trail e do trailiño o próximo domingo ás 10 horas
  • A organización outorgará varios recoñecementos e trofeos para estas probas nas que participarán un total de 246 persoas

A Asociación Veciñal por Beluso (Asbel), en colaboración coa Comunidade de Montes de Beluso e o Concello de Bueu organizan o próximo domingo, 26 de marzo, o 2º Trail do Nocedo, un proxecto que une a divulgación do patrimonio da parroquia bueuesa e o deporte máis activo. Así o destacou Francisco Fernández, da organización do evento, na rolda de prensa celebrada este xoves no Pavillón Municipal de Beluso, na que estivo acompañado de Félix Juncal, alcalde de Bueu, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, Gorka Gómez, deputado provincial de deportes, e Daniel Benavides, xefe do servizo de deportes da Xunta de Galicia.

O alcalde salientou que “este evento é unha proba de que o deporte é algo apaixonante, e que pode transmitirnos valores e axudarnos a vivir dende el” e referiuse a que “o deporte é coma o faro que guía as nosas vidas, que nos axuda a construír sociedades máis humanizadas”. Así mesmo remarcou que “este trail é extraordinario dende o punto de vista organizativo e de acollida da xente da parroquia e das que nos visitan”.

Daniel Benavides fixo fincapé en que este evento pon de manifesto “o enorme traballo de posta en valor do territorio, xuntando a divulgación da cultura e o deporte, dando a coñecer a parroquia de Beluso en todas as vertentes”. Pola súa banda, Gorka Gómez, deputado de deportes, insistiu no valor do deporte coma un proxecto social, destacando a importancia das actividades paralelas que tamén ten este trail que chega á xente e que repetirá o éxito da primeira edición. Gómez tamén agradeceu ao colectivo organizador e a todas as persoas anónimas que colaboran voluntariamente.

A actividade terá unha parte deportiva cun trail de 26 quilómetros e 1200 metros de desnivel, e un trailiño que consta de 15 quilómetros e 600 metros de desnivel. As probas tomarán saída ás 10.00 horas dende o Parque Joe Novas de Beluso, onde comezarán a correr as 107 persoas inscritas para a modalidade do trail e as 139 do trailiño. A organización prevé varios trofeos: no caso do trail, haberá premio para o 1º clasificado/a na absoluta, e para os tres primeiros clasificados nas modalidades de senior (ata 39 anos), veterán/a de 40 a 49 anos, veterán/a de 50 ou máis anos, así como para o 1º do trailiño e equipos. A iso haberá que sumar os recoñecementos, que se outorgarán ao 1º inscrito/a no evento, ao deportista que proveña de máis lonxe, ao participante máis veterán/á, ao equipo con máis participantes, e ao 1º clasificado/a de Bueu.

Pero non será esta a única actividade da mañá do domingo, pois os deportistas pasarán durante o percorrido por seis áreas patrimoniais e culturais da parroquia de Beluso, onde haberá recreacións, como a pesca artesanal de Area de Bon, a pesca de caña en Reventóns, o muíño e o lavadoiro do río Nocedo, e unha foliada en Vilar.

E, como xa vén sendo habitual na actividade da asociación, este evento contará cunha parte social. Por iso, a Asociación Protectora de Animais do Morrazo dispoñerá dun posto de venda para recadar fondos, e os trofeos foron elaborados pola Asociación Juan XXIII de Cangas.