Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Concello e Deputación visitan o luns o axardinamento da contorna da Igrexa de San Martiño de Bueu

  • Carmela Silva, presidenta da institución provincial, realizará unha visita a partir das 17 horas xunto ao alcalde e membros da corporación municipal
  • O goberno local agarda poder abrir en breves esta instalación coa que se amplían os espazos de lecer e esparexemento para a cidadanía

As obras de axardinamento da contorna da Igrexa de San Martiño de Bueu recibirán o próximo luns a visita de Carmela Silva, presidenta da Deputación. A partir das 17 horas, Silva poderá coñecer de primeira man este novo espazo de lecer que se abrirá en breves á cidadanía, nun acto no que estará acompañada do alcalde da vila, Félix Juncal, e de concelleiros e concelleiras da corporación municipal.

Félix Juncal salienta que “estamos moi satisfeitos por esta actuación coa que damos unha nova vida a un espazo deteriorado, ao tempo que ampliamos as zonas de lecer e esparexemento para a cidadanía”. As obras, acometidas pola empresa Construcciones Castro Figueiro SLU cun orzamento de 116.909,29 €, IVE engadido, contaron co financiamento da Deputación Provincial de Pontevedra a través do Plan Concellos 2021.  

Dende hai anos, o espazo exterior da igrexa, onde se situaba o antigo cemiterio municipal, atopábase sen ningún aproveitamento e nun estado de abandono, de aí que o goberno local decidise apostar por un proxecto que o pon en valor a través dunha solución integral e transformadora. Así, a empresa construíu un muro de contención superposto ao actual na zona próxima ao vial do Valado e unhas escaleiras que conectan con esa zona e que permitirán dispoñer de dúas áreas de miradoiro a distintos niveis. Tamén se manter o panteón existente e as árbores actuais, e créase un miradoiro ao norte aproveitando a zona do muro perimetral parcialmente derruído.

Con este proxecto ofreceuse unha solución ao desnivel entre a parcela e o atrio da igrexa cun muro banco, e tamén se actuou na parcela a través de elementos de tratamento superficial como axardinamento, trazado de sendeiros perimetrais con acabado en xabre consolidado e o sendeiro central e a zona do miradoiro pavimentados en pedra, con pendentes variables que se adaptan á topografía actual do terreo. Por último, colócanse tres bancos na zona do miradoiro e outros tres no sendeiro interior da zona axardinada, e execútanse as instalacións de saneamento, alumeado, recollida de pluviais e rego.

O Concello pretende seguir actuando nos espazos verdes para ofrecer alternativas de lecer á cidadanía, con lugares que permitan a compatibilidade de varios usos.