A Mancomunidade do Morrazo recibe 130 colectores de carga lateral
A Mancomunidade de Concellos do Morrazo conta con 130 novos colectores de carga lateral, que servirán para substituír os que se atopan en mal estado dos tres concellos. Así o avanzou Félix Juncal, presidente actual do ente comarcal e alcalde de Bueu, quen recibiu os contedores esta semana xunto ao xefe do servizo da empresa concesionaria e a xerente da Mancomunidade.
Os contedores atópanse actualmente no coñecido como Campo da Estacada e a idea é colocalos nos próximos días, complementando a instalación dos 250 de carga traseira que se iniciou hai semanas.
Con iso, Félix Juncal salienta que “agardamos ir cubrindo todas as áreas nas que os contedores se atopan en mal estado, tanto con este subministro como con outros posteriores que iremos complementando tamén de reciclaxe”.