Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A contorna da Praza de Abastos acollerá este xoves unha mesa informativa sobre o Revitaliza

  • Os mestres e mestras composteiros informarán sobre a compostaxe e entregarán material promocional ás persoas que se acheguen entre as 10.00 e as 13.00 h

O Concello de Bueu continúa apostando pola compostaxe coma unha alternativa na redución do lixo orgánico. Por iso, e co obxectivo de implicar a toda a cidadanía, este xoves, 3 de setembro, a contorna da Praza de Abastos acollerá unha mesa na que se informará sobre o Plan Revitaliza impulsado dende hai uns anos pola Deputación de Pontevedra coa colaboración dos concellos da provincia. As persoas que se acheguen entre as 10.00 e as 13.00 h poderán informarse sobre a compostaxe e o seu funcionamento, e terán a posibilidade de inscribirse para obter un composteiro propio. Así mesmo, tamén se repartirá compost e outro material promocional, como bolsas de tea para a compra, lápices, pegatinas, imáns para o frigorífico, trípticos informativos…

A compostaxe leva funcionando na vila bueuesa dende hai cinco anos, cando se instalaron os dous centros de compostaxe comunitaria na rúa Xosé María Estévez e en Pazos Fontenla, nos que se xestionan máis de 30 toneladas ao ano de biorresiduos, evitando así que se mesturen con outros residuos e se reduza a emisión de contaminantes á atmosfera. Amais, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e de Sogama, o Concello repartiu preto de 150 composteiros individuais.

Dende o departamento de medio ambiente, que dirixe o edil Xosé Leal, estase traballando nestes meses para seguir implicando á poboación na compostaxe. Para iso solicitáronse tres subvencións que posibilitarán a adquisición de novos composteiros individuais para os fogares, a ampliación do composteiro comunitario da rúa Xosé María Estévez e instalación de dous novos, a recollida selectiva da materia orgánica en produtores singulares (restaurantes, hoteis…) con destino a compostaxe en planta, e adquisición de microtrituradoras para préstamo á veciñanza, co fin de que poida triturar as pequenas podas.

A finalidade do goberno local de Bueu é dar cumprimento ao Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos (PEMAR 2016-2022), que establece que antes do ano 2020 debería reciclarse o 50% dos biorresiduos. Así mesmo, tamén se ten moi en conta a Directiva 2018/851, que establece que os estados membros da Unión Europea adoptarán medidas para incentivar a reciclaxe e a compostaxe, e fomentar o uso de materiais producidos a partir de biorresiduos.

Composteiro comunitario na rúa Xosé María Estévez