Bueu celebra este sábado o Día Mundial do Alzheimer
- O Centro Social do Mar acollerá a partir das 11.00 h diversas ponencias a cargo de profesionais dos centros de día da vila
O Concello de Bueu e os Centros de Día Pescadoira e Contigo organizan este sábado, 21 de setembro, diversos actos para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer. O programa estará composto por ponencias a cargo dos e das profesionais dos dous centros de atención de maiores da vila.
Do Centro de Día Pescadoira intervirá a traballadora social Yanira León Corredor, quen falará sobre a Lei de Dependencia e os seus recursos; seguida da psicóloga Sonia Ricoy Suárez e da fisioterapeuta María Villegas Magdaleno, cunha charla titulada “Memoria en movemento”; para culminar coa “Ruleta da memoria” coa participación do educador social do centro, David Recamán.
Pola súa banda, o Centro de Día Contigo comezará co coloquio “Téñoo na punta da lingua!” a cargo da logopeda Natalia Carro; Esther González, coordinadora do SAF, achegará a axuda a domicilio e os factores a ter en conta; e pechará a integradora social Laura Chapela con “Adiviña quen é!”.
As actividades, que terán lugar no Centro Social do Mar a partir das 11.00 h, van dirixidas a todas as persoas interesadas, tanto os máis pequenos e pequenas da casa como os maiores. A concelleira de benestar social, Inmaculada Rodríguez, destaca que “trátase dunha iniciativa que xermolou hai tres anos da man dos propios centros de día da vila e que busca visibilizar esta doenza que cada vez afecta a máis persoas”. Desde o departamento que dirixe a nacionalista organízanse anualmente diversos talleres de memoria, que teñen por obxectivo fomentar o envellecemento activo.