O alcalde de Bueu explicou o proxecto de humanización da rúa A Pedra á veciñanza
- A xuntanza celebrouse este luns ás 12 h do mediodía no salón de plenos do Concello de Bueu e serviu para aclarar dúbidas
- A actuación, cun orzamento de 416.108,59 €, financiarase pola Deputación de Pontevedra, no marco do Plan Depo- Remse
Félix Juncal, alcalde de Bueu, mantivo este luns un encontro coa veciñanza da rúa A Pedra para explicar as obras de mellora deste espazo, que se agarda que comecen a executarse a principios de xullo. Este encontro, no que tamén estiveron presentes o concelleiro de urbanismo, Martín Villanueva, o edil de cultura e deputado provincial, Xosé Leal, e a arquitecta e redactora do proxecto, Iria Pazos, tiña como finalidade informar sobre as actuacións que se van levar a cabo e aclarar as dúbidas da veciñanza.
Tras a xuntanza, o rexedor mostrou a súa satisfacción pola asistencia da veciñanza e tamén dos responsables das directivas dos centros educativos e asociacións de nais e pais.
A actuación, cun orzamento de 416.108,59 €, realizarase con cargo ao Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (Plan Depo-Remse) da Deputación de Pontevedra, e xustamente este martes remata o prazo para que as empresas presentes por vía telemática as súas ofertas económicas, as cales se coñecerán o mércores na mesa de contratación prevista para as 12 h do mediodía (por agora hai seis presentadas).
Esta rúa soporta un alto grao de mobilidade diaria xa que na súa contorna se ubican moitos centros de elevada atracción: o CEIP Plurilingüe A Pedra, os dous institutos (Johán Carballeira e Illa de Ons), o centro de saúde e o Pavillón Municipal Pablo Herbello. Isto xera unha gran cantidade de tráfico rodado e peonil nunha rúa cunha estrutura insuficiente para garantir unhas condicións de seguridade viaria e de accesibilidade universal.
Esta reurbanización implicará, pois, a renovación completa da rúa e o levantado de toda a pavimentación, aproveitando para facer unha actualización e modificación das redes de abastecemento e saneamento existentes. Mellórase o acceso e circulación de persoas con mobilidade reducida e auméntanse os anchos das beirarrúas, suprimindo tamén as barreiras arquitectónicas e implementando a sinalización tanto horizontal como vertical. Así mesmo, e tal e como salientou Juncal, estase ultimando unha proposta para ampliar os aparcadoiros, coa creación de dúas áreas: unha de 90 prazas enfronte ao Pavillón; e outra de 25 preto da entrada ao colexio de A Pedra.
Segundo as previsións do goberno local, é probable que estas obras comecen en xullo, que é a mellor época por diversas razóns: polas boas condicións meteorolóxicas e pola redución de afluencia neste espazo con tanto tránsito durante a maior parte do ano.