O Concello de Bueu e a Deputación de Pontevedra fan posible o ‘soño’ da piscina municipal
-
A presidenta do ente provincial, Carmela Silva, visitou xunto ao goberno local as obras da piscina, onde se proxectou un vídeo e se soterrou unha ‘caixa do tempo’ que lembra un día histórico para a vila
O Concello de Bueu vai ver cumprido proximamente un dos seus soños colectivos: a piscina municipal cuberta. Así o salientaron o alcalde da vila, Félix Juncal, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, durante a visita realizada na mañá deste sábado ás obras que se están levando a cabo nas Lagoas.
No acto proxectouse un vídeo do que vai ser esta instalación concibida desde un prisma deportivo e saudable. O responsable da empresa adxudicataria, Manuel Feijóo, explicou que as obras arrancaron fai dous meses coa escavación e a construción do primeiro nivel da piscina, onde estará o semi sótano, amais do fondo do vaso, a depuración e o sistema deshumificador da piscina. O segundo nivel contará cun ximnasio e salas de aerobic e o terceiro dará paso á entrada, onde estarán as áreas de administración e persoal, e os vestiarios, así como unha cafetería con vistas ao vaso da piscina.
Como se trata dun día histórico para a vila morracense, a presidenta e o alcalde, acompañados de concelleiros e concelleiras do goberno local, soterraron unha ‘caixa do tempo’ na que queda constancia desta data como a marcaxe dun “antes e un despois na consecución deste soño colectivo”. Precisamente, na súa intervención, o alcalde recoñeceu o mérito da nova Deputación, coa que “desde os primeiros momentos compartimos obxectivos iguais”. O rexedor apuntou tamén que se trata dunha das obras máis importantes que se acometeron por parte do Concello de Bueu.
Carmela Silva coincidiu co alcalde e incidiu en que “o de hoxe é un día histórico e con moitas emocións”, pois “a política non é só xestión, senón que tamén é garantir dereitos, escoitar, e cumprir soños individuais e colectivos”. Precisamente, as obras son posibles grazas ás subvencións achegadas polo ente provincial.
A obra foi adxudicada á empresa Gómez Crespo SL por un importe de 2.259.281 euros e conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra, a través do Plan de Reequilibrio Territorial, que achega 1,5 millóns de euros, e das anualidades do 2018 e 2019 do Plan Concellos, de tal forma que o Concello só farían fronte a menos de 50.000 euros. Esta instalación vai supoñer un gran incremento da saúde e na vida deportiva da cidadanía, xa que ademais do vaso da piscina (cunhas dimensións de 15 x 25), se habilitarán diversas salas polivalentes a fin de fomentar a práctica doutros deportes.
No acto de hoxe estiveron presentes ademais Martín Villanueva, edil de urbanismo, Silvia Carballo, de promoción económica e turismo, Teresa López, de educación e sanidade, Manolo Otero, de deportes, José I. García, de facenda, Adrián Ferrer, de medio ambiente, Ana Isabel Otero, de igualdade, e Xosé Leal, concelleiro de cultura e tamén deputado provincial.