Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu presenta a XII Campaña de Educación Non Sexista

  • O acto de entrega de almanaques coa imaxe da campaña celebrouse este luns no CPR Virxe Milagrosa

O CPR Virxe Milagrosa acolleu no mediodía deste luns, 17 de decembro, a presentación da XII Campaña de Educación Non Sexista, na que estiveron presentes Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, e Montserrat González, directora do Centro de Información as Mulleres (CIM). A presentación consistiu na entrega dos almanaques de peto confeccionados coa imaxe gañadora do certame de viñeta e ilustración ‘A igualdade no traballo’ convocado con motivo do 8 de marzo, no que Elena Enríquez Álvarez resultou gañadora, cun deseño que leva por lema “Distintas pezas poden facer igual a mesma función”.

Entre os obxectivos desta campaña está a eliminación dos roles e estereotipos sexuais, favorecer as relación de equidade entre o alumnado e rexeitar a desigualdade, así como sensibilizar dun xeito activo a fin de erradicar a violencia de xénero e as relacións de poder asimétricas. Durante o acto, Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, destacou que “a educación non debe ter barreiras”, e definiu á gañadora como “posuidora dunha sensibilidade especial”. Pola súa banda, a directora do CIM apuntou que “non debería haber fronteiras e os nenos e nenas teñen dereito a ser o que queiran na vida”.

Precisamente unha das liñas de traballo máis importantes do CIM de Bueu é o impulso da coeducación, da educación en valores e libre de desigualdades para lograr un mundo máis xusto. Por iso, e despois de levar moitos anos con este traballo proactivo, o vindeiro ano entrará en vigor o I Plan de Igualdade Intercentros (2019-2022), elaborado cunha subvención da Deputación de Pontevedra, e que ten por obxectivo que toda a comunidade educativa da vila vele pola aplicación daquelas medidas que vaian encamiñadas a fomentar o respecto ás diferenzas, entre elas, a igualdade efectiva entre homes e mulleres.