Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu recibe á odontóloga María Loira

  • A odontóloga bueuesa vén de ingresar na Academia de Ciencias de la Salud Ramón y Cajal

O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este sábado o acto de recibimento que a corporación municipal lle realizou a María Loira, odontóloga que vén de ingresar fai unhas semanas na Academia de Ciencias de la Salud Ramón y Cajal. Durante o acto, o alcalde salientou que “é moi emocionante recoñecer sempre neste Concello a unha persoa ilustre da nosa vila”.

Félix Juncal deu os parabéns á homenaxeada, á que describiu coma unha persoa que “transmite esa forza interior que impulsa o éxito”, e aproveitou para salientar que “é importante que desde as institucións visibilicemos as mulleres e o seu traballo”.

María Loira recibiu un agasallo institucional consistente nun diploma, unha bandeira da vila, varios libros e discos musicais locais e unha réplica en madeira da escultura ‘Inés Palmira’ de José Solla. Ao remate do acto, ela declarou que “é unha honra formar parte dunha institución xunto a persoas con tanto talento, e máis cando o que sempre quixen é aplicar a ciencia á saúde das persoas”.

Ademais do alcalde e familiares, tamén asistiron os concelleiros nacionalistas Martín Villanueva, Ana Isabel Otero, Teresa López, Manolo Otero, e o voceiro do PSOE, José Manuel Vilas.