O Concello de Bueu despide aos nenos e nenas saharauis do programa ‘Vacacións en paz’
O Concello de Bueu recibiu este mércores ao mediodía aos cinco nenos e nenas saharauis que pasan actualmente as vacacións de verán no municipio e que emprenden proximamente o regreso. Lesham Salem Abidin, Salamu Brahim Salem, Hnini Mohamed, Mahmud Sidi Mohamed e Karima Sidi Mohamed foron agasallados cunha bolsa escolar, un libro e unha camiseta co lema de “Galicia”. Así mesmo, durante o acto, que tivo lugar no salón de plenos, o alcalde da vila, Félix Juncal, conversou coa rapazada e transmitiulles ánimos para o novo curso escolar. Desde a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui mostraron o agradecemento ao Concello e ás familias acolledoras, e tamén aos nenos e nenas participantes “por traernos alegría e solidariedade”.
No acto estiveron ademais presentes María José Pérez, concelleira de benestar social, Silvia Carballo, edil de promoción económica e turismo, e Inmaculada Rodríguez, quen leva a carteira de mocidade e infancia.