A Aula de Cabo Udra proxectará o domingo un novo ciclo de curtas sobre o home e a natureza
-
A sesión terá lugar ás 19.30 horas con acceso de balde ata completar aforo
-
O sábado continuarán as rutas polo Sendeiro do Litoral II, con saída desde a praia de Portomaior ás 9.30 da mañá
O Concello de Bueu, en colaboración coa Asociación FICBUEU e a Deputación de Pontevedra, está organizando estas semanas un ciclo de curtametraxes sobre diversas temáticas que teñen que ver coa natureza, cuxo obxectivo é dinamizar o espazo da Aula da Natureza de Cabo Udra e concienciar sobre diversas temáticas sociais. Tras a sesión da pasada semana, o vindeiro domingo, 26 de agosto, poderanse ver a partir das 19.30 h “Fin do pasado recente” de Salvador Pardo, “Der Gesellschafter”, de Tania Egen, e “Pan”, de Anna Roller.
A través do filme de Salvador Pardo, descubriremos a un mozo videógrafo que coñece a un fareiro nos días previos á súa xubilación, un encontro no que percorreremos a illa de Sálvora e os principais cambios que a vida lle propón.
“Pan” fala dunha moza de vinte anos que se obsesiona co deus do bosque, o cal se converte en animal. E “Der Gesellschafter”, de Tania Egen, conta como unha mañá, nalgún lugar, alguén decide non saír do coche, senón afastarse e embarcar unha viaxe surrealista a través do bosque para atoparse a si mesmo.
Ruta guiada polo Sendeiro do Litoral II
Ademais desta actividade, as persoas que o desexen poderán unirse á ruta de sendeirismo guiada que sairá o sábado ás 9.30 horas, desde a praia de Portomaior ata o Sendeiro do Litoral II, e para o que non se precisa inscrición previa. Nesta camiñada de dous quilómetris abordarase a riqueza das rías e as ánforas romanas de Pescadoira, ademais de realizar unha visita ao porto para recoñecer as embarcacións tradicionais e contemporáneas e remate na Praza de Abastos. O obxectivo é unir o coñecemento da natureza coa cultura e tradición.