As Freguifestas de Bueu rematan este domingo na parroquia de Cela
-
Homenaxearase a Manuel Padín Pereira (postumamente) e ao matrimonio de Santiago Padín Pereira e Carmen Gestido Cerviño pola súa adicación ás festas
-
A ruta fotográfica sairá ás 12 horas desde a contorna da igrexa, e o programa inclúe espectáculo de teatro, música tradicional e verbena
O Concello de Bueu culmina o vindeiro domingo, 26 de agosto, o programa das Freguifestas na parroquia de Cela, cunha xornada na que haberá actividades para todos os públicos como unha ruta fotográfica, teatro para a rapazada, espectáculos musicais, homenaxes e verbena.
Ás 12 da mañá sairá unha ruta fotográfica desde a contorna da igrexa guiada pola bueuesa Alba Sotelo na que se recreará unha imaxe antiga das festas, acompañada da música de Fanfarria Furruxa, grupo conformado no 2016 que fusiona temas de varios estilos e culturas mesturando sempre as gaitas con outros instrumentos. Para iso, ao igual que nos casos de Ermelo, Beluso e Ons, búscanse persoas que queiran participar de figurantes.
A compañía Migallas Teatro comezará as actividades da tarde ás 19.30 h coa representación de “Merenda con pan de millo”, un espectáculo de pequeno formato baseado no libro-disco Pan de millo, editado por Kalandraka coa produción musical a cargo de Paulo Nogueira e Magoia Bodega, do grupo Treixadura. A través del, a rapazada poderá gozar dunha combinación entre cancións e narración oral, co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor. Entre os temas que se poderán escoitar están “Pinocho”, “Pan de millo”, “O piollo e a pulga”, “Unha vella tiña un can”, “Que cousa, cousiña é?”, “Unha vella tiña un can” ou “Abuela Manuela”.
Ás 21 horas, no Eirado da Festa, terá lugar unha homenaxe a varias persoas que tanto colaboraron coas festas desta parroquia. Postumamente, lembrarase a Manuel Padín Pereira, xa falecido e que fora presidente da Comisión de Festas nos anos 50 e un dos organizadores da Festa do Mozos e Mozas desta zona. Tamén se homenaxeará ao matrimonio conformado por Santiago Padín Pereira (irmán de Manuel) e Carmen Gestido Cerviño, colaboradores durante moitos anos das festas ocupándose de diversas tarefas. O acto contará coa actuación das pandereteiras do grupo Retrouso de Cela.
A partir das 21.30 horas será a quenda do concerto do grupo pontevedrés de folk “Son das tabernas”, dando paso despois á verbena que amenizará Distrito 7 e coa que se clausurará a xornada.
O concelleiro de cultura, Xosé Leal, lembra que o Concello ten operativa a páxina web www.freguifestas.gal na que se poden ver todas as fotografías antigas que se están recompilando no marco deste proxecto coa colaboración veciñal, e na que tamén estarán dispoñibles as recreacións actuais. As persoas interesadas en achegar material gráfico para documentar a evolución das festas poden acudir ao Concello ou ben escribir aos correos electrónicos comunicacion@concellodebueu.gal, e freguifestas@gmail.com.