O grupo Arxe acompañará a Manxadoira no seu XXIV Festival de Alborada este sábado 28 de Xullo
Un ano máis a Banda de Gaitas Manxadoira de Bueu vai organizar o seu XXIV Festival de Alborada que conta coa colaboración do Concello de Bueu e da Deputación de Pontevedra. A cita que terá lugar na praza Massó o vindeiro 28 de Xullo desde as 22:00 horas contará como ven sendo habitual coa actuación da agrupación bueuesa, que nesta ocasión estará acompañada polo grupo ARXE.
Esta agrupación de recente creación está composta por músicos con traxectorias en diferentes grupos folk como Jacobo García, Harry Price, Marcos Campos, Roi Adrio Rodriguez, Alba Faro Barros e Xosé Liz. A súa proposta leva da man ao espectador nunha viaxe do máis enriquecedora e inspiradora, tendo a oportunidade de revivir máis dun século de música galega de raíz.
Deixámosvos un enlace ao seu primeiro video Tranquilos nas camelias.
Unha nova cita coa música tradicional da man dunha das nosas agrupacións con máis historia que permitirá á veciñanza e ás persoas que nos visiten gozar de parte da cultura popular que se desenvolve en Bueu.
Aquí podedes ver un vídeo do Festival do ano 2013.