O Concello de Bueu prepara un operativo para facer fronte ás próximas chuvias
- No caso de emerxencias, a cidadanía poderá chamar á Policía Local (986320062) ou a FCC Aqualia (900813047)
O Concello de Bueu prepárase dende primeira hora desta mañá para as fortes chuvias que se prevén este mércores e xoves debido á alerta laranxa activada. Félix Juncal, alcalde da vila, convocou hoxe unha reunión na que estiveron presentes tamén Isabel Quintás, tenente de alcaldesa, o capataz municipal, e a xefa do servizo de FCC Aqualia, con vistas a organizar o operativo para as próximas horas, e que actuará en varias frontes críticas e con cuestións que se activaron en anos anteriores, como é o caso do levantamento de tapas e sumidoiros e a colocación ao lado dos mesmos duns sacos de area para sinalizalos.
O goberno está moi pendente da zona do río Bispo, e por iso na rúa Pazos Fontenla se levantarán as tapas e sumidoiros na área entre o lavadoiro e a farmacia da Banda do Río. Nesa zona tamén se retirarán os colectores de lixo (que se trasladarán ao aparcadoiro de As Lagoas), para permitir que, no caso dun desbordamento do río, a auga descorra próxima á zona do borde da beirarrúa. Outra dos lugares críticos é na rúa Ramón Bares, onde se está acometendo a limpeza do tramo do río Ramón Bares ata Pazos Fontenla, que se culminará nestes días e que permitirá manter a canle limpa para que a auga descorra con normalidade e non se taponen as reixas. Así mesmo, na zona próxima á igrexa utilizaranse os aliviadoiros preto do colexio de A Pedra.
E, por último, tamén se está actuando na zona de Agrelo- Portomaior, coa limpeza da area da canle do río, coa vista posta en impedir as inundacións recorrentes.
Dende o goberno local farase un seguimento continuo, e tamén se poñen a disposición duns teléfonos en caso de emerxencia, aos que a cidadanía poderá contactar: Policía Local (986320062), ou FCC Aqualia (900813047).
Podedes seguir a información sobre alertas na web de Meteogalicia.