O Concello de Bueu izou as Bandeiras Azuis nas praias 2018
- O acto simbólico tivo lugar este xoves na praia de Portomaior, no que estiveron presentes todos os socorristas
A praia de Portomaior acolleu este xoves o acto simbólico de izado das Bandeiras Azuis 2018, no que estiveron presentes o alcalde, Félix Juncal, a concelleira de turismo, Silvia Carballo, e o concelleiro de obras e servizos, Fidel Castro. Este acto dá inicio á tempada estival, tras a colocación das correspondentes bandeiras nos areais tamén de Lagos, Lapamán, e Area de Bon, distintivo outorgado pola ADEAC.
Así mesmo, hai que destacar que xa están traballando os trece socorristas, seis dos cales se contrataron con cargo ao Concello e os sete restantes mediante a FESSGA (Federación de Socorrismo e Salvamento de Galicia).
Ademais, a vila bueuesa conseguiu tamén o distintivo azul para o Centro de Interpretación de Agrelo e para a Aula da Natureza de Cabo Udra, ademais de para o sendeiro de Cabo Udra.
O municipio bueués recolle un ano máis os froitos das diversas obras e xestións que levan facendo para manter este distintivo que concede a ADEAC como un premio aos concellos que realicen unha labor importante no mantemento e acondicionamento do patrimonio natural.