Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu consolida o Festival Mozarte, que celebra este ano a súa terceira edición

Presentación Festival Mozarte 2018

  • O evento terá lugar na Praza Massó durante toda a xornada e incluirá diversas disciplinas: obradoiro de arte en pedra, jugger, banda deseñada, ecopercusión e teatro

A concellaría de mocidade e infancia, dirixida pola edil nacionalista Inmaculada Rodríguez, pon en marcha a terceira edición do MozArte, un festival dirixido ao fomento da creatividade entre as persoas máis novas. Con esta filosofía naceu fai agora tres anos e consolídase como un referente na aposta artística dos mozos e mozas, que teñen moitas ideas que achegar ao conxunto da sociedade.

A Praza Massó volverá ser o escenario elixido para a mostra de diversas disciplinas das que o público poderá gozar o vindeiro sábado, 7 de xullo, a partir das 11 da mañá e ata a noite.

O obxectivo desta iniciativa é impulsar a creación como forma de comunicación e que esta sirva de “escaparate e espello para a mocidade”. Así o destacou Inmaculada Rodríguez, encargada da organización desta programación, durante a rolda de prensa celebrada este xoves, na que tamén estivo presente Xosé Leal, edil de cultura e deputado provincial.

O programa acollerá diversas actividades en sesión de mañá, tarde e noite.  Entre as 11 e as 13 horas, a artista pontevedresa Ana Seoane impartirá un orixinal obradoiro de pintura sobre pedras, destinado aos rapaces e rapazas que aprenderán arte creativa.

Ás 12.00 h, o instrumentista de percusión cubano Didier Díaz Madan dirixirá un pasarrúas de ecopercusión, no que estarán presentes os e as participantes no obradoiro impartido ao longo desta semana no Centro Social. Didier leva anos traballando coa infancia, co obxectivo de achegar os instrumentos de percusión baseándose en diversas disciplinas, como a percusión vocal e corporal e a ecolóxica, onde se traballa a conciencia sobre o medio ambiente, reciclando todo tipo de obxectos capaces de facer música.

Ás 13.00 h, o grupo Bestas Jugger Cangas fará unha demostración deste deporte que naceu coma un xogo a partir da película Sangre de héroes, e que consiste nunha mestura entre rugby e esgrima sen técnicas violentas. Este grupo tamén volverá actuar a partir das oito da tarde, nunha demostración máis extensa.

Pola tarde, ás 19 horas, o ilustrador Kiko Dasilva presentará O picoto do pai, libro elaborado polos estudantes de O Garaxe Hermético, unha escola de banda deseñada dirixida por el mesmo, no que se aprender o debuxo de BD, a narrativa gráfica, a escrita de guións, os dereitos de autor, e a aprendizaxe contable e fiscal para exercer como autónomo especializado. O libro, editado pola Deputación de Pontevedra, “é un bo exemplo do crecemento da banda deseñada en galego nos últimos tempos”, tal e como destacou o deputado de cultura, Xosé Leal. Precisamente, Dasilva tamén ofrecerá unha charla arredor do seu traballo como humorista gráfico.

A clausura da xornada será a cargo do grupo de teatro “Se chove que chova” quen, a partires, das 22 horas, interpretarán unha serie de sketchs humorísticos e retranqueiros.

E ás 23 horas, o trío The Manueles fará as delicias dos e das asistentes cun estilo de música coñecida como surf rock, no que actúan o guitarrista Virxilio da Silva, o baixista Juansi Santomé e o batería Chus Pazos. No seu repertorio repasan o legado que deixou a inspiración do fundador do estilo, Manuel Freitas, un emigrante de Beluso a California, xerme de moitos grupos do momento.