O Concello de Bueu abre as aulas medioambientais na tempada estival

  • Ademais están programadas rutas de sendeirismo tanto os mércores como os sábados por diversos lugares da vila morracense

O Concello de Bueu reabrirá durante a temporada estival as aulas medioambientais de Cabo Udra e Agrelo. Así, o Centro de Interpretación de Agrelo estará aberto do 6 de xullo ao 2 de setembro, concretamente os venres de 19 a 21 horas e os sábados, domingos e festivos de 11 a 20 horas. E a Aula da Natureza de Cabo Udra estará aberta ata o 30 de setembro, os venres de 19 a 20 horas e os sábados, domingos e festivos, das 11 ás 20.30 horas. Nesta última xestionaranse excursións cos centros escolares e asociacións e rutas pola contorna todos os sábados.

Rutas de sendeirismo para coñecer a vila

Todos os sábados pola mañá organizaranse diversas camiñadas guiadas para coñecer a contorna, e que percorrerán o Sendeiro do Litoral, a Ruta dos Pazos, a Ruta dos Abades, a Ruta dos Muíños e a de Cabo Udra. Sobre as datas concretas destas rutas irase informando na páxina web municipal.

Pero non só haberá rutas os sábados, senón que todos os mércores, a concellaría de deportes pon en marcha o programa de sendeirismo, que comezará o 11 de xullo e no que se coñecerán diferentes espazos bueueses como Meiro, Udra, Portomaior, Igrexario etc. As saídas serán todos os mércores de xullo e agosto dende a Praza Massó e a duración das camiñadas, de tres horas aproximadamente. Para participar non se precisa inscrición previa, aínda que se debe levar roupa e calzado cómodos e froita e bebida.

Máis información: 986324338