A concelleira de promoción económica convoca á hostalaría para trazar as liñas de acción deste ano
- A reunión será o martes 30 de xaneiro, ás 10.30 horas, no salón de plenos do Concello
Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, convoca á hostalaría local a participar nunha reunión na que se informará e se deseñarán as liñas de acción deste ano. A xuntanza, á que poderán asistir todas as persoas representantes dos locais de restauración da vila bueuesa, celebrarase o próximo martes, 30 de xaneiro, ás 10.30 horas, no salón de plenos do Concello de Bueu.
A reunión servirá para abordar as Xornadas de Exaltación do Polbo que, como se anunciou hai meses, substituirá a tradicional Festa do Polbo que se viña celebrando en agosto. Agora, dende hai uns meses o consistorio e a Confraría de Pescadores de San Martiño de Bueu están traballando na organización do que será este evento que terá o polbo como protagonista, e para o que se quere contar coa hostalaría.
Así mesmo, na xuntanza tamén se explicará a segunda edición das “Xornadas Gastronómicas en Feminino Bueu”, unha iniciativa que naceu o pasado ano dende a propia hostalaría para poñer en valor e reivindicar o papel das mulleres na cociña, con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.
Estas serán algunhas das accións, pero dende a concellaría anuncian un calendario de actividades para todo o ano no que se incrementarán as sinerxías entre a hostalaría e o Concello.