Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza un Entroido para todas as idades e en diversas localizacións

  • Este venres presentouse o programa nunha rolda de prensa na que Carmen García, concelleira de cultura, agradeceu a “colaboración dos colectivos que traballan todo o ano para que todos e todas poidamos gozar desta gran festa”
  • A programación estenderase do 10 ao 25 de febreiro e incluirá eventos para todos os públicos e nas tres parroquias

O Concello de Bueu organiza un extenso e variado programa de actividades para celebrar o Entroido na vila. Carmen García, concelleira de cultura, presentou este venres a programación en rolda de prensa, acompañada de representantes das comparsas da vila e das asociacións que participan nesta gran festa que se estenderá do 10 ao 25 de febreiro. Neste sentido, a edil nacionalista agradeceu “a colaboración dos colectivos que traballan todo o ano para que todos e todas poidamos gozar desta gran festa”.

Ao igual ca nos últimos anos, as actividades combinarán a tradición e a modernidade, con eventos para todos os públicos e nas tres parroquias. Así, as comparsas seguirán sendo as grandes protagonistas deste Entroido con actuacións nas que o público asistente poderá gozar da música e das tradicionais “letrillas” das murgas Vou nun bou, Os do Pinsel, Os Mulos, Tinta Femia, Os Kantaclaro As Faltriqueiras.

O programa iniciarase o 10 de febreiro co IV Festival de Comparsas de Cela a partir das 17.30 horas, e tamén co concurso de gastronomía que promoven dende o Club de Pensionistas e Xubilados Vila de Bueu no Centro Social do Mar. Pola noite, a partir das 22.30 horas, a carpa de As Lagoas acollerá unha festa de disfraces con La Duendeneta.

O domingo 11, o Club de Xubilados organiza a partir das 19 horas un baile de Entroido no Centro Social do Mar.

Os máis pequenos e pequenas poderán participar nos obradoiros de Entroido que se desenvolverán o luns, martes e mércores desa semana entre as 11 e as 13 horas tamén na carpa, e no que o artista local Tino Resille realizará diversos xogos e actividades para vincular á cativada co Entroido e cos xogos típicos.

O martes é a quenda da VIII Filloada da Asociación Veciñal A Morada de Meiro e do Festival de Comparsas, que organiza a Asociación Veciñal A Morada a partir das 20.30 horas, e no que se poderán degustar as tradicionais filloas e gozar da música das comparsas locais.

O mércores 14 de febreiro será o Desfile do Enterriño da Sardiña, que sairá ás 17 horas dende a Praza Massó e no que participarán os colectivos infantís da vila e as asociacións de nais e pais. Debido ao éxito do pasado ano, o desfile estará acompañado por unha sardiña xigante elaborada con globos da man de Barafunda.

O venres o Pavillón Municipal Pablo Herbello vibrará coa música das comparsas no XLI Festival de Comparsas a prol do Bueu Atlético Balonmán, que se poderá ver a partir das 21 horas e que estará presentado pola actriz Bea Campos. Cunha capacidade para aproximadamente 900 persoas, nel actuarán as comparsas de Bueu e Marcha Loca, e prevese que as entradas estean á venda nas librarías da vila a partir da vindeira semana a un custe de 8.00 €.

O sábado organizarase unha festa infantil de disfraces na carpa de As Lagoas, na que se contará con persoal especializado en necesidades especiais. A partir das 17 horas haberá xogos, música, ambientación e un concurso infantil con premios para catro categorías: bebés, infantil, xuvenil e familias. A continuación, arredor das 20 horas, as comparsas actuarán na carpa, e despois terá lugar unha nova festa de disfraces para persoas adultas con La Duendeneta.

A seguinte semana, a festa comezará o venres 23 co Festival de Comparsas do Bueu Atlético Balonmán que terá lugar na Casa do Pobo de Beluso. O sábado seguinte, ás 22.30 horas, a carpa das Lagoas acollerá unha festa dos anos 80 amenizada por XabyDJ, e o domingo, rematarán os eventos co tradicional Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro a partir das 17 horas polas rúas da vila.

Como novidade, dende a concellaría de cultura convidan aos colectivos e asociacións da vila a poñer unha barra de venda de bebidas nos eventos nocturnos deste Entroido, para a que haberá que inscribirse previamente enviando un correo electrónico a comunicacion@concellodebueu.gal antes do 6 de febreiro.

Unha exposición histórica

Dende o Concello de Bueu organizarase na Sala Amalia Domínguez Búa unha exposición histórica na que se recollerán os 100 anos do Entroido de Bueu, e coa que se reivindicará o coñecemento dunha festa cun gran arraigamento  na vila morracense.

Esta exposición estará aberta a partir do 10 de febreiro para público xeral, e dende o 5 para as visitas dos centros educativos da vila, aos cales se convida a participar. Nela atoparanse fitos históricos e datos curiosos sobre o Entroido na vila, así como fotos das comparsas ao longo deste tempo. Moitos dos datos utilizados foron sacados da revista educativa ‘O Candil’, coordinada polo mestre e investigador local Arturo S. Cidrás.

Os tradicionais Desfiles de Entroido

Como cada ano, o Entroido de Bueu celebra os tradicionais desfiles. O do Enterro da Sardiña será o mércores 14 de febreiro a partir das 17 horas con saída dende a Praza Massó e nel participan os colectivos infantís da vila. Pola súa banda, o Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, encherá de cor as rúas da vila o domingo 25, á mesma hora, cun gran desfile e a tradicional queima do paxaro na praia da Banda do Río que este ano é elaborado polo artista Tino Resille.

Precisamente, o Concello publicará nos próximos días as bases que regulan os premios de Entroido, e nas que se repartirán 6.500 € entre todas as categorías, polo que será a partir dese momento cando as persoas e colectivos interesados en participar se poidan inscribir.