Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu aproba inicialmente a modificación do regulamento de venda ambulante e abre o prazo de alegacións

  • Esta normativa substitúe á anterior de 2005, que xa estaba obsoleta, para actualiza e permitir as transmisións, así como regular a venda de excedentes do campo
  • As persoas ou colectivos que o desexen poderán presentar alegacións ao texto ata o 6 de marzo

O Concello de Bueu aprobou inicialmente a modificación do regulamento de venda ambulante, cuxo documento se publicou esta semana no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), e tras o que se establece un prazo de alegacións de trinta días. Así, as persoas e colectivos que o desexen poderán presentar as súas propostas ata o 6 de marzo e o texto completo poderase descargar na Sede Electrónica do Concello.

O regulamento actual substitúe o anterior de 2005 e adáptase á lexislación actual. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salienta que “a proposta foise consensuando coa Asociación de Vendedores e Vendedoras Ambulantes, e regula cuestións que nos viñan solicitando dende hai tempo, como as transmisións ou a regulación da venda de excedentes do campo”.

Dende hai moitos anos, o Concello de Bueu organiza diversos mercados ambulantes semanais os luns e xoves, nos que se ofrece tamén a venda de produtos do campo. O regulamento actual pretende dar resposta ás demandas tanto do colectivo de vendedores e vendedoras como das persoas consumidoras. Con esta nova normativa, o que se pretende é ampliar o campo de actuación e que se solucionen algúns dos problemas detectados nestes anos, sobre todo no que se refire á simplificación dos distintos procedementos administrativos, gañando en axilidade á hora de outorgar as autorizacións para a venda e as transmisións das mesmas. Así mesmo, e non menos importante, o regulamento senta as normas para a venda de produtos de excedentes do campo.

O texto, que se poderá consultar completo na web, recolle cuestións como o concepto e as modalidades de venda ambulante, os suxeitos de venda, os requisitos para o exercicio da actividade económica, as competencias municipais, o réxime e procedemento das autorizacións, o contido da solicitude, o rexistro de vendedores ambulantes, os dereitos e as obrigas, o réxime sancionador, as condicións específicas para cada modalidade de venda, e un apartado específico para a venda de produtos excedentes do campo.

Na Sede Electrónica podes consultar a información e acceder ao texto:

REGULAMENTO DE VENDA AMBULANTE