Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu constitúe a Comisión de Igualdade para a elaboración do I Plan de Igualdade do persoal

  • O plan servirá para avanzar na igualdade entre homes e mulleres e aprobarase ao longo deste ano

O Concello de Bueu constituíu este mércores, 24 de xaneiro, a Comisión de Igualdade, un organismo que se encargará da elaboración do I Plan de Igualdade do persoal do Concello de Bueu. Laura Ogando, concelleira de igualdade e benestar social, participou na constitución deste organismo xunto a Montserrat García, directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM), e representantes sindicais.

Este plan formalizará e regulará as pautas de traballo, competencias e funcións que van rexer o deseño, desenvolvemento e posterior seguimento e avaliación do Plan a elaborar ao longo deste ano.

Con este instrumento, o Concello de Bueu pretende cumprir co artigo 33.1 do RDL 5/2015, da Lei do Estatuto Básico dos Empregados Públicos, e con el conseguirase avanzar na aplicación da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, que é unha das reivindicacións que levan a cabo na concellaría de igualdade.  Basicamente, o que se fará dende a Comisión será negociar e deseñar o diagnóstico e as medidas que integrarán o Plan de Igualdade, elaborar o informe dos resultados do diagnóstico, identificar as medidas prioritarias, definir os indicadores de medicións e os instrumentos de recollida de información necesarios para o seguimento e avaliación do cumprimento do plan, e impulsar as primeiras accións de información e sensibilización do persoal.

Este sumaríase ao resto de plans que o Concello ten en vigor en materia de igualdade, caso do V Plan de igualdade entre homes e mulleres ou o Plan de Erradicación da Violencia de Xénero.

Así mesmo, dende o CIM continúan coas xornadas de formación. Tamén hoxe no Centro de Saúde de Bueu tivo lugar unha charla de Rosana Izquierdo Fernández, na que participaron un total de 31 sanitarias/os, concretamente 23 mulleres e 8 homes. Izquierdo Fernández é doutora no centro de saúde vigués de Sárdoma, e abordou o protocolo de violencia de xénero no ámbito sanitario, que se seguiu con moita atención por parte do persoal.