O goberno bueués aproba inicialmente o Orzamento Xeral para o ano 2023
- O documento saíu adiante cos votos a favor dos grupos do BNG e PSOE, mentres que o PP se manifestou en contra
- O concelleiro de facenda defendeu que “trátase dun orzamento que cumpre para que o axuste do gasto deste ano 2023 sexa máis realista”
- O orzamento ascende á 7,2 millóns de euros tanto no capítulo de gastos como no de ingresos, unha nova cifra récord para o Concello de Bueu
A corporación municipal de Bueu celebrou este martes, 17 de outubro, unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobou inicialmente o Orzamento Xeral do Concello, o cadro e o anexo de persoal para o exercicio 2023, que saíu adiante cos votos a favor dos grupos do goberno (BNG e PSOE), mentres que o PP se manifestou en contra.
O documento publicarase agora no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), tras o que se abrirá un período de exposición pública de quince días para a presentación de alegacións, despois do cal se aprobará definitivamente.
O orzamento ascende a 7.200.000 € no capítulo de gastos, e a mesma cantidade na parte de ingresos. Como avanzan dende o goberno local, e en palabras de Xosé Leal, concelleiro de facenda, “trátase dun orzamento que cumpre para que o axuste do gasto deste ano 2023 sexa máis realista, co que cumprimos con todos os provedores, co que actuamos en diversos eidos e que mostra un concello saneado economicamente”. Leal insistiu durante a súa intervención en que o presuposto “consolida as melloras nas condicións salariais do persoal municipal” e tamén “permite levar a cabo grandes infraestruturas con axudas doutros organismos, como é o caso da biblioteca e como fora anteriormente a piscina”.
No capítulo de ingresos divídense da seguinte forma: impostos directos, 2.622.000 €; impostos indirectos, 200.000 €; taxas e outros ingresos, 570.400 €; transferencias correntes, 3.7799.830 €; ingresos patrimoniais, 23.970 €; e activos financeiros, 3.800 €. Na parte de gastos, os capítulos son os seguintes: gastos de persoal, 3.721.000 €, compras correntes de bens e servizos, 2.621.500 €; intereses, 24.500 €; transferencias correntes, 662.500 €; investimentos reais, 164.500 €; transferencias de capital, 1.000 €; e pasivos financeiros 5.000 €.
Daniel Chapela, concelleiro do PP, interveu para explicar as emendas presentadas polo seu grupo ao orzamento sobre o que acusaron ao goberno da súa demora na aprobación. O edil reivindicou que “o orzamento ten que atender ás peticións da cidadanía” e por iso fixeron chegar oito propostas, como o incremento da contía do Premio Johan Carballeira de Poesía, a colaboración a través dun convenio con Cáritas Bueu, o concurso de ideas da Banda do Río, o incremento das contías outorgadas ás asociacións de nais e pais, a creación duns bonos de compra de libros, e unha maior aposta polas infraestruturas culturais e deportivas. Así mesmo, o PP presentou algunhas ideas para ter en conta no próximo orzamento, como a creación dun plan bienal de saneamento, plan de ancheamento do camiño de A Vela, implementación de obradoiros de emprego ou a creación dun plan de accesibilidade para a eliminación das barreiras arquitectónicas das praias e beirarrúas.
Estas emendas non saíron adiante, ao contar só cos votos favorables do PP, e Félix Juncal, alcalde da vila, esgrimiu que “o PP parece que goberna mellor na oposición que cando está no goberno”, ao tempo que lembrou a herdanza de débeda económica que recibiu dos gobernos populares no 2007, dun importe que se achegaba aos 2 millóns de euros.
O outro dos asuntos que se aprobaron na sesión plenaria extraordinaria deste martes foi a primeira modificación do organigrama e relación de postos de traballo, co que se crearán novos postos de traballo adaptados ás necesidades e demandas da administración dos últimos anos. Esta proposta contou cos votos favorables de BNG e PSOE, e en contra do PP.
A sesión completa pode verse no YouTube do Concello de Bueu.