Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu acolleu unha xornada de sensibilización sobre a trata 2.0

  • Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salientou na inauguración que “as administracións debemos ser un dos piares fundamentais no apoio e defensa da igualdade e dos dereitos humanos”
  • A xornada celebrouse no Centro Social do Mar pola mañá e nela participaron medio cento de persoas

O Centro Social do Mar de Bueu foi o lugar elixido pola asociación Accem Galicia para a celebración este venres pola mañá da Xornada de Sensibilización sobre a Trata 2.0, un evento organizado polo Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos que foi o pasado 18 de outubro.

Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, participou na inauguración do evento e salientou que “as administracións debemos ser un dos piares fundamentais no apoio e defensa da igualdade e dos dereitos humanos”, ao tempo que deu os parabéns ao colectivo organizador polo traballo levado a cabo todos estes anos a prol da erradicación da trata e a atención a mulleres vítimas.

A xornada puxo o foco na importancia das redes sociais como novas ferramentas de captación de menores en contornas dixitais por parte de redes organizadas de trata e/ou explotación sexual. Segundo Accem Galicia, nos últimos anos as mafias de explotación sexual están medrando nas redes sociais.

Para achegarse a esta nova realidade e o impacto que está a ter na infancia e adolescencia contouse coa participación de Diaconía, entidade con ampla experiencia neste ámbito no que están a desenvolver o programa #desactivalatrata, de sensibilización en materia de trata de persoas, sinaladamente con fins de explotación sexual.

Ao longo da xornada presentouse a traxectoria de Accem Galicia na loita contra a trata sexual, cun especial fincapé no eido da prevención e facilitando ferramentas para traballar neste sentido desde o sector socio-educativo.

Accem Galicia conta cunha ampla traxectoria vinculada ao traballo con persoas en situación ou en risco de exclusión social, con especial incidencia no eido das migracións e a protección internacional. Transversalmente traballan con realidades como  a trata de seres humanos, dende a protección das posibles vítimas e desde a prevención.