Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu abre o prazo para participar no ‘Concilia Bueu’

  • O prazo de presentación das solicitudes estará aberto do 29 de maio ao 9 de xuño
  • O programa desenvolverase no municipio, en horario de mañá, dende o 3 de xullo ao 31 de agosto

O Concello de Bueu prepárase para a realización da nova edición do programa ‘Concilia Bueu’, polo que abre o prazo de inscrición dende o 29 de maio ao 9 de xuño. Este programa, de carácter gratuíto, efectuarase entre o 3 de xullo e o 31 de agosto, meses nos que a cativada terá acceso a diferentes actividades desenvolvidas durante ás mañás. O “Concilia Bueu’ levarase a cabo en diversos espazos favorables ás súas emocións e sentimentos, debido á necesidade de ofertar un recurso de conciliación para as familias e de educación non formal para o tempo de lecer.

O Concello é consciente de que dende as administracións é necesario habilitar mecanismos e iniciativas para que, durante a tempada estival, a rapazada de entre 3 a 12 anos poida acceder a alternativas de ocio adaptadas ás circunstancias actuais, o que repercutirá na conciliación familiar e laboral.

Esta edición do programa albergará un total de 100 prazas para cada mes, que se distribuirán de dúas formas diferentes. Por un lado, haberá un total de 90 prazas adxudicadas polo procedemento xeral e, as 10 restantes, adxudícanse a través do procedemento específico, é dicir, que se reservan para menores en situación ou risco de exclusión social.

Poderán participar os nenos e nenas que naceran entre os anos 2011 e 2019, ambos inclusive. Segundo se establece nas bases, a participación polo procedemento xeral segue unha orde de adxudicación, sendo as solicitudes prioritarias as que pertenzan a nenos e nenas, dun mínimo de 3 meses, empadroados/as en Bueu. Estas prazas serán adxudicadas segundo a situación socio-familiar e laboral familiar. No caso de non cubrir as 90 solicitudes que compoñen este procedemento, os nenos e nenas empadroados noutros concellos poderá optar a estas prazas vacantes. Dado o caso de que se producira un empate, prevalecerá a orde de presentación de solicitudes. Con respecto á participación a través do procedemento específico, haberá 10 prazas de reserva dirixidas aos nenos e nenas menores, empadroados en Bueu, que se atopen en situación ou risco de exclusión social.

Toda a información, as bases e solicitude atópase xa na web municipal e as persoas interesadas en participar deberán presentar as inscricións de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello ou en formato electrónico a través da Sede Electrónica do Concello de Bueu (https://bueu.sedelectronica.gal). A documentación que deben facilitar en ambos casos é o anexo relativo á solicitude de participación, o xustificante de empadroamento (en caso de que non se permita a consulta), a fotocopia da tarxeta de demandante de emprego, no caso de atoparse nesta situación e a do libro de familia ou outro tipo de documento que acredite esta información. Tamén se debe entregar o certificado ou xustificante de empresa con data do presente maio ou xuño, no caso de atoparse en situación laboral activa. Por último, tamén se deberá achegar a fotocopia do libro de familia numerosa e do certificado de monoparentalidade, se así fosen as circunstancias.