Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu prepárase para unha fin de semana sobre rodas

  • O Concello de Bueu e a Asociación de Moteiros do Morrazo presentan a ‘Concentración Moteros do Morrazo 2023’
  • Os días 26, 27 e 28 de maio realizaranse diversas actividades moteiras, entre as que se atopa a tradicional ruta nocturna con fachos

O Concello de Bueu prepárase para acoller esta fin de semana a ‘Concentración Moteros do Morrazo 2023’. Este mércores, no aparcadoiro de As Lagoas, tivo lugar o acto de presentación da concentración moteira, á que acudiron o alcalde de Bueu, Félix Juncal, o concelleiro de cultura, Xosé Leal, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e o presidente da Asociación de Moteiros do Morrazo, Borja Portela, acompañado por tres membros da directiva, Tania Loira, Nazaret Gutiérrez e María José Martínez. Portela catalogou como “moi boa” a previsión da concentración, pois vendéronse un total de 160 inscricións anticipadas, o que representa o dobre ca o ano pasado. Ademais, dende a directiva da asociación, revelaban que, entre o total de persoas inscritas, anotáronse moteiros e moteiras procedentes doutros puntos do país, como de Asturias, Cantabria e Canarias. O evento dirixido aos amantes do mundo do motor celebrarase este fin de semana, os días 26, 27 e 28 de maio na zona As Lagoas. Despois de nove anos, esta edición conta cunha carpa máis ampla neste espazo e no correspondente á acampada, tal e como anunciou o concelleiro de cultura.

As xornadas sobre rodas darán comezo o venres día 26 coa apertura de inscricións ás 17 horas para as persoas interesadas en formar parte do evento. Neste día, non se realizarán actos moteiros, pero os/as asistentes poderán gozar de música a través do concerto de ‘La Quinkillada’, a partir das 22.30 horas. ‘Gozar, Sentir, Bailar’ é o nome do primeiro disco desta recente banda de rapaces, a cal fará que todo o público baile ao son dos ritmos latinos e da rumba máis quinki do Morrazo. Tras a actuación de ‘La Quinkillada’ o relevo musical pasará as mans de tres Djs, Chimo Cabreira, Charlie Style y Ruben Díaz, moi coñecido entre as concentracións moteiras do Morrazo.

O sábado 27 a apertura de inscricións comeza ao mediodía, mentres que os actos moteiros dan o pistoletazo de saída ás 17 horas, coa ruta con pinchada pola zona. O traxecto iníciase en Bueu, pasando pola Graña, a rotonda da Magdalena, a rotonda dos Mexillóns e continuando por Aldán, onde se realizará unha parada no peirao. O regreso efectuarase por Beluso, ata o punto inicial. A exhibición stunt será o seguinte espectáculo, que terá lugar ás 19 horas, en Ramón Bares, da man de Paulo Martinho. Neste mesmo intre, dáse apertura ás inscricións para a proba de decibelios e motos lentas, a cal se efectuará pola noite. Os moteiros e moteiras que queiran desfrutar dunha cena con apaixonados do motor poderán participar na cena para inscritos, na que se realizarán sorteos de agasallos. A xornada máis ardente non rematará aquí,  pois ás 00.30 horas dará comezo a tradicional ruta nocturna con fachos, en homenaxe aos compañeiros caídos,  a través das rúas da vila. Ao rematar a ruta, os inscritos volverán gozar das súas vantaxes cunha queimada gratis e máis sorteos de agasallos. A festa continuará a cargo do Dj Rubén Díaz e do Dj Toño Dous Eventos.

A mañá do domingo día 28 non será menos movida cás xornadas anteriores, pois os inscritos poderán deleitarse dun almorzo entre as 10 e as 11.30 horas. Despois de encher o estómago, efectuarase a última ruta moteira da ‘Concentración de Moteros do Morrazo 2023’, cuxo percorrido rematará en Marín. As xornadas moteiras pecharán cunha sesión de vermú e pinchos amenizada pola ‘Charanga Charandonga’ ás 13 horas. No mesmo espazo realizarase a  entrega de trofeos.

As persoas que desexen inscribirse nalgunha actividade da concentración, terán que achegarse á billeteira no horario de apertura. O prezo é de 17 euros para os socios e socias e 22 euros para o resto de persoas. A inscrición inclúe unha caña de benvida, bolsa de agasallo, camiseta, facho, a cena do sábado e o almorzo do domingo; acampada con duchas e a participación nos sorteos de regalos. Igualmente, dende a asociación explican que as rutas son libres, polo que non é necesario inscribirse ás mesmas. A pesar deste feito, insisten na necesidade de seguir a normativa de tráfico, pois é necesario ter permiso de condución e o vehículo asegurado, entre outras regras. 

Plan de tráfico concentración moteira

Por mor da celebración do evento moteiro, o Concello informa á cidadanía dos cortes de tráfico que se efectuarán ao longo destes días na vila. O xoves día 25, dende as 14 horas, pecharase o tráfico e o aparcadoiro na Rúa López Cortizo Ferrolán. A circulación e o acceso ao aparcadoiro retomarase o domingo día 28 ás 16 horas. As Rúas Xosé María Estévez e Johan Carballeira estarán cortadas, agás garaxes, a partir das 13 horas do venres, ata o domingo día 28, áS 16 horas. O tráfico tamén permanecerá pechado na Rúa de Ramón Bares dende o sábado día 27 ás 14 horas, concretamente dende o cruce da Rúa Pedra ata a Rúa Staffan Mörling, a causa da exhibición. Os vehículos poderán volver circular por este espazo a partir das 21 horas do mesmo día.

Programación concentración moteira